O Leis vence ao Ventorrillo, o Leis Marcón empata e o ADFS Bueu segue sen reaccionar
Por Redacción
O Leis Pontevedra masculino recuperou a quinta posición na Segunda División B tras o seu triunfo a domicilio na cancha do Ventorrillo (4-7).
Os pontevedreses dominaron desde o inicio con 10 minutos vertixinosos nos que conseguiu tres goles por medio de Miguel, Borja e Berto, pero os locais aguantaron o golpe e, aproveitando varios erros dos de Manu Cossío conseguiron empatar antes do descanso.
Na segunda metade o Leis recuperou a súa mellor versión para poñerse 3-5, con tantos de Dani e Gabi. O Ventorrilo aumentou a presión e recortou distancias, pero Raúl cun dobre penalti e Pablo sentenciaron nos minutos finais.
Peor lle seguen indo as cousas ao ADFS Bueu, que encaixou outra dolorosa derrota en casa ante o Boal (7-13) que complica, máis se cabe, a súa permanencia na Segunda B ao seguir pechacancelas da competición.
Os de Javi Santos comezaron atenazados, entregaron a primeira parte ao seu rival e a pesar do gran esforzo do segundo tempo, non conseguiron remontar.
EMPATE DO LEIS MARCÓN
Pola súa banda na Segunda División Feminina o Leis Marcón sumou un punto tras empatar en casa ante o Escuelas Municipales Alover (1-1), nun partido disputado no Pavillón Municipal dos Deportes.
O resultado non fixo xustiza ao esforzo local, que pagou os seus erros en ataque e tamén en defensa. Un deles permitiu ás visitantes adiantarse aos 12 minutos, unha vantaxe que manterían pese ao asedio do Leis ata o último minuto, cando Jessi fixo o empate.
O cadro pontevedrés queda na novena posición con 18 puntos.