O PP provincial pide á Deputación que manteña a axuda aos olímpicos que acudan a Río
Por Diego Espiño
O grupo provincial do Partido Popular presentará unha moción no próximo pleno da Deputación instando ao actual goberno da institución para manter as axudas económicas destinadas aos deportistas olímpicos.
"Cremos que había un traballo ben feito", explica o deputado José Enrique Sotelo, polo que solicitan que "establezan unhas bases tal e como se fixeron nas últimas olimpíadas, Pekín e Londres".
Sotelo, acompañado de Ángel Moldes e Luís Aragunde, aludiu á importancia destas axudas económicas para que os deportistas poidan sufragar viaxes e gastos e que, defende, axudaron aos éxitos de deportistas como David Cal, Carlos Pérez 'Perucho', Fernando Echávarri, Antón Paz, Pablo Cimadevila ou Chano Rodríguez.
"Estamos a tempo, as Olimpíadas son non mes de agosto e aínda non está pechada a lista de deportistas que acudirán a Río", completou o representante do PP.
Esta liña de subvención outorgouse nos Xogos de Beijing 2008 e Londres 2012 para os deportistas da provincia que lograban a súa clasificación olímpica. En 2008 a súa partida orzamentaria ascendeu a 50.000 euros, mentres en 2012 esa cantidade ascendeu aos 100.000 euros, dos cales 20.000 destináronse ao deporte paralímpico.
Ademais dos citados por Enrique Sotelo, beneficiáronse desta axuda: Teresa Portela, Santi Pérez, David Gómez, Támara Echegoyen, Bea Gómez Cortés, Juan Saavedra, Gustavo Nieves e Begoña Fernández.