Homenaxe a Changui o día en que Ribadumia e Racing Villalbés quedan sen pólvora (0-0)
Por Redacción
No día que o fútbol galego quixo render homenaxe a un dos dianteiros con máis capacidade goleadora, Ribadumia e Racing Villabés terminaron o seu partido sen ver porta e coa pólvora mollada, nunha xusta repartición de puntos, con ocasións e alternativas para ambos os conxuntos.
O CD Ribadumia quixo organizar unha homenaxe ao seu dianteiro Changui, polos seus 300 goles, cifra conseguida na pasada xornada. Por tal motivo, antes de comezar o partido, o presidente aurinegro, Alberto Vázquez, fíxolle entrega dunha camiseta co nome do dianteiro e o número 300.
A representación dos goleadores galegos no tributo ao seu veterano compañeiro ostentouna o xogador do Real Club Celta de Vigo, Iago Aspas, que lle obsequiou cunha réplica dunha bota de ouro, mentres a Federación Galega de Fútbol, representada polo seu presidente, Rafael Louzán, obsequioulle cun cadro no que aparece o número 300 formado con fotos que repasan a traxectoria de Changui nos equipos polos que pasou, na súa dilatada carreira.
Logo chegou o fútbol, e púidose ver un partido entretido, aberto, con alternativas e ocasións para ambos, pero falta de acerto no remate.
A primeira parte comezou con dominio lucense, ben controlado nos metros finais, ata que o Ribadumia logrou nivelar esa superioridade e mesmo dispuxo da mellor ocasión, precisamente na cabeza do homenaxeado Changui, pero o seu remate, a centro de Hugo, marchouse rozando o traveseiro.
Distinta posta en escena na segunda parte, na que foron os de Sierra os que comezaron dominando, para que fose agora o equipo visitante quen tivese que esperar para nivelar o mando.
As mellores ocasións chegarían na recta final do partido, concretamente a partir do minuto 70. Os visitantes dispuxeron de dúas moi claras, na primeira Make optou por tentar ceder, en lugar de buscar o disparo, cando estaba en boa posición, pero non chegou ninguén, e na segunda Sergio Arias atopouse con Javi Sánchez, que detivo o remate.
Pero a máis clara foi para os locais, case no último suspiro. Agus non conseguiu superar ao meta visitante Viuski, e o partido finalizou cunha xusta repartición de puntos.
Consulta aquí o acta do partido.
Relacionadas:
-
O Ribadumia entrega na Senra o que recolle a domicilio e deixa os puntos ante o Deportivo B (1-2)
Por Redacción |
-
Badalada do Ribadumia en Cerceda (1-2)
Por Redacción |
-
Un gol de Changui no último minuto permite ao Ribadumia gañar a final de Noia (0-1)
Por Redacción |
-
Un gol do Alondras no último minuto deixa sen premio o esforzo do Ribadumia (1-2)
Por Redacción |
-
O Ribadumia colle aire cunha goleada en Ribadeo (1-4)
Por Redacción |