O Arxil quere selar a permanencia na casa batendo o Abda Avilés
Por Redacción
Tras catro derrotas consecutivas, o Arxil conxúrase para conseguir a permanencia matemática na Liga Feminina 2. Conseguirao se logra derrotar en casa ao Abda de Avilés, pechacancelas da categoría. Será nun partido que se disputará o sábado, a partir das 19.30 horas, no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra.
Ante a importancia deste partido, a directiva do club fixo un chamamento á afección para que acuda a apoiar ao equipo neste partido tan transcendental.
A pesar de que as asturianas só gañaron un partido esta tempada, as pontevedresas non se fían xa que o xogo do seu rival mellorou moito nas últimas semanas.
O Arxil volverá ter a baixa de Ana Ramos e desde o club aseguran que o resto de xogadoras están xa "moi tocadas" pola dureza da tempada.
As convocadas para este partido son Carla Fernández, Sandra Entenza, Ana Martín, María Centeo, María Lago, Aldara Vázquez, Fany López, Cristina Díaz-Pache e Yanique Gordon, ademais de varios xogadoras do filial, o Mafari Café.
O encontro será arbitrado por González Cuervo e Rilo Antelo.