Unión Grove toma aire, Villalonga e Sanxenxo gañan e Céltiga recorta un punto ao segundo
Por Redacción
A dous puntos do ascenso directo colócase o Céltiga a pesar de empatar no campo do Caselas (1-1). Os da Illa aproveitaron o tropezo do Gondomar para recortar a distancia co segundo posto nun partido que tivo na man tras o gol de Ramón no minuto 72, pero a alegría durou pouco e só catro minutos despois o Caselas empatou.
O que toma aire co seu triunfo é o Unión Grove ao vencer en Lalín (2-3) nun partido no que se viu dúas veces por baixo no marcador e no que terminou remontando na segunda metade.
Fandiño e Manuel Blanco completaron a remontada para dar tres puntos que permiten ao cadro meco coller impulso na súa pelexa pola permanencia ao situarse na décimo sexta praza con 29 puntos.
Tamén gañou esta xornada o líder Villalonga, aínda que con certos apuros en San Pedro na visita do Porriño Industrial (1-0), que só conseguiu desnivelar cun gol de Javi Pazos de penalti aos 37 minutos. Os celestes mantéñense comodamente na primeira praza con 12 puntos de vantaxe sobre o terceiro.
O mesmo resultado, vitoria pola mínima, firmou o Sanxenxo na casa ante Valladares, grazas a un solitario tanto de Javi Nogueira a cinco minutos do final. Os amarelos son sétimos con 41 puntos.
Completou a xornada o Portonovo cun empate (1-1) no estadio do Atios tras adiantarse no marcador cun gol de Otero aos 47 minutos que os locais igualaron 20 minutos despois. O cadro arlequinado é duodécimo con 35 puntos.