Miguel Sío, Borja Pedreira e César Armán pérdense o regreso á competición do Teucro
Por Diego Espiño
O filial do Fútbol Club Barcelona será o primeiro rival da Sociedad Deportiva Teucro no regreso da División de Honra Prata de balonmán.
Difícil compromiso para os de Javier Barrios ante un equipo, líder da categoría, que aínda non perdeu en liga, cedendo tan só dous empates na presente tempada. Os azulgranas contan con xogadores de moita calidade nas súas filas, onde figura un flamante campión do Mundo como Aitor Ariño, aínda que a participación do xogador en Pontevedra dependerá dos plans de Pasqui para o primeiro equipo.
Pola súa banda os azuis, que a piques estiveron de dar a sorpresa no primeiro partido de liga en Barcelona (30-28), aspiran a repetir ese bo partido apoiándose na súa fortaleza no Municipal. Despois do parón varios teucristas conseguiron recuperarse dos seus problemas físicos, pero Javier Barrios terá tres importantes baixas no comezo da segunda volta.
Borja Pedreira perderase o choque do sábado por sanción mentres Miguel Sío, que rompeu os ósos propios do nariz no primeiro amigable do mes de xaneiro, terá que esperar por precaución ao seguinte partido, en Torrelavega, e César Armán, que terá que operarse do ombreiro, perderase o que resta de tempada ao permanecer un mínimo de catro meses de baixa.