O balón parado, unha china no zapato para o Pontevedra
Por Diego Espiño
Que o Pontevedra non está a atravesar o seu mellor momento da tempada é unha evidencia que apoian os seus números durante os últimos partidos, ao encadear xa cinco xornadas sen gañar, con dous empates e tres derrotas. O cadro adestrado por Luisito leva ademais dous encontros consecutivos perdendo por tres tantos de diferenza, algo que non ocorrera nunca co técnico de Teo no banco.
Esta baixada de rendemento viuse agravada durante os partidos, algúns como ante o Lealtad nos que mereceron mellor sorte, cun aspecto do xogo que se converteu nunha auténtica china no zapato para os granates esta tempada, o balón parado.
Os granates encaixaron cinco goles a balón parado nos tres últimos partidos
Nos tres últimos encontros (Lealtad, Compostela e Racing de Ferrol), o Pontevedra encaixou cinco dos oito goles recibidos nesta disciplina.
Primeiro ante o Lealtad, un saque de esquina supuxo o empate momentáneo despois de múltiples ocasións de gol desperdiciadas. Unha semana despois, nun choque condicionado polo estado do terreo de xogo, o Compostela desnivelou o marcador con outro tanto á saída dun corner e tras unha falta lateral, tendo entre medias opcións os granates para anotar algún tanto. Pola súa banda, ante un Racing de Ferrol superior, foi de novo o balón parado o que condicionou o choque, ao supoñer os dous primeiros goles do partido, o segundo coa mala fortuna de Jacobo ao marcar en propia meta.
Ao longo da tempada, o Pontevedra encaixou catro goles máis desde o corner ou en falta lateral (Valladolid B, Izarra e Arandina), aínda que curiosamente en todos eses partidos acabou gañando. Ademais recibiu dous tantos de lanzamamiento de falta directa (Leonesa e Lealtad en Villaviciosa) e un desde o punto de penalti (Racing de Santander).
Un aspecto para corrixir en próximas citas, empezando co segundo derbi autonómico consecutivo fixado para o vindeiro domingo (17:00horas) en Vigo ante o Coruxo.
Relacionadas:
-
A 'conexión xerezana' e a Virxe Peregrina dan a vitoria ao Pontevedra en Coruxo (0-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Duelo de necesidades entre Coruxo e Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Mouriño mellora e Carnero confirma os peores prognósticos
Por Diego Espiño |
-
Os agasallos defensivos e a impotencia atacante condenan ao Pontevedra (0-3) fronte un serio Racing de Ferrol
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Naufraxio dun Pontevedra despistado e sen fútbol (3-0) ante un Compostela máis intenso
Por Diego Espiño & Ramiro Espiño |
-
O Pontevedra perdoa demasiado e págao co empate ante o Lealtad (2-2)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |