Oportunidade perdida para o ADFS Bueu e derrota do Leis en Valladolid
Por Redacción
Competiu gran parte do primeiro tempo o Leis Pontevedra na pista do segundo clasificado, pero terminou encaixando unha contundente derrota ante un Universidad de Valladolid máis efectivo (6-1).
Os pupilos de Manu Cossío reaccionaron rápido ao gol inicial dos locais cun gol de Gus, pero antes do descanso un erro defensivo e un gol en propia meta castigou ao Leis poñendo o 3-1 no marcador.
Na segunda metade os pontevedreses non conseguiron poñer en apuros aos locais, que teminaron sentenciando.
A derrota deixa ao Leis na quinta posición con 30 puntos, lonxe xa dos equipos que lle preceden na clasificación da Segunda División B de fútbol sala.
O ADFS Bueu, pola súa banda, desaproveitou unha boa ocasión para achegarse á zona de permanencia ao empatar na casa ante o Xove (3-3). Os de Javi Santos puxeron contra as cordas ao cadro visitante desde o inicio do choque, adiantándose por medio de Alexis, aínda que o Xove empataría antes do descanso.
No segundo acto o Bueu tivo o partido na súa man, ao poñerse en vantaxe co 2-1, obra Víctor Méndez, e 3-2 cun gol de Gil a falta de cinco minutos. Con todo non lograron manter a vantaxe e o Xove igualou xogando de cinco a falta de dous minutos.
O empate mantén ao Bueu na última posición con 13 puntos.