Tono Campos e Natalia García destacan en Verducido co temporal como pano de fondo
Por Redacción
As inclemencias do tempo provocaron que a regata amigable do sábado no encoro de Pontillón do Castro en Verducido, fose modificada ao non poder disputarse na súa totalidade. A proba organizada polo comité técnico da Federación Galega de Piragüismo (FEGAPI) sobre a distancia de 5000m, serviu como preparación ao Campionato Galego de Fondo co que se inaugura a tempada oficial.
A primeira quenda correspondeu á modalidade de canoa, nas categorías home senior e xuvenil, onde Tono Campos (Club Breogán O Grove) obtivo a vitoria, seguido do seu compañeiro de equipo Diego Romero e de Adrián Sieiro (Club Piragüismo Poio), en terceira posición. Doutra banda, en categoría xuvenil, David Barreiro e Pablo Graña (Club Náutico Rodeira) alzáronse coa primeira e segunda posición respectivamente, mentres que a terceira posición foi para Ruben Fernández (Club Piragüismo Rías Baixas).
Por outra banda, Natalia García, padexeira do Club Breogán do Grove, logrou a vitoria tras un disputado final con Camila Morison (Club Náutico Pontecesures), quedando en terceiro lugar Tania Álvarez (Club Breogán).
A categoría kaiak xuvenil tivo como protagonista a Alexandre Castro da Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, que se fixo coa vitoria. Luís Rodríguez (Club Piragüismo Portonovo) e Manuel Rey (Club Náutico Firrete) conseguiron a segunda e a terceira posición, respectivamente. Ademais, na categoría muller xuvenil, Marta Iglesias do Club de Mar Ría de Aldán logrou o triunfo, seguida en segunda posición por Carolina García (C.E.P Ciudad de Pontevedra) e en terceira posición por Irene Dacosta (Club de Mar Ría de Aldán).
Con respecto á categoría home cadete kaiak, Francisco Silva do Club Piragüismo Portonovo alzouse como gañador da proba, mentres que o seu compañeiro de equipo, David Ribeiro, fíxose co segundo lugar. Xoel García (Club Kaiak Foz) logrou a terceira posición. Na mesma categoría pero cambiando de modalidade, neste caso en canoa, Mario Rey (Club Náutico Firrete) impúxose a Manuel Fontáns do Club Náutico O Muíño e ao padexeiro do Club Náutico Pontecesures, Pedro Citoula.
En categoría muller cadete kaiak, a vitoria foi para a participante do Club As Torres Romaría Viquinga, Carla Frieiro. Ana González (Club Náutico Firrete) e Sarah Miguel (Club Naval Pontevedra), conseguiron o segundo e o terceiro lugar, correspondientemente.
O mal estado da pista debido ao temporal, provocou a suspensión das categorías senior e veteranos na modalidade de kaiak.