Patinazo do Cisne que deixa escapar unha final fronte a Handbol Bordils (26-27)
Por Redacción
Era pouco menos que unha final. O Cisne recibía a visita do Handbol Bordils sabendo que unha vitoria igualaríalle na táboa co conxunto catalán, rival directo na loita pola permanencia, ademais de darlle unha pequena marxe de tranquilidade. Os pontevedreses chegaban ao partido coa sensible ausencia por lesión do seu porteiro titular, Pablo Galán, pero non estivo aí o seu problema, xa que Juanjo Novás cumpriu baixo paus, senón na falta de acerto en ataque para superar a sempre intensa defensa do Bordils.
A pesar de todo tivo as súas opcións o Cisne. Tras unha primeira parte de inicitiva visitante, cuns comezos titubeantes que permitiron ao Bordils adquirir a súa máxima vantaxe do partido aos 15 minutos (5-9), os de Edín Covelo souberon reaccionar cun parcial de 5-.1 para empatar (10-10) ao chegar aos 20 minutos de xogo.
A partir de aí o partido foi unha especie de ruleta constante, con alternativas para ambos os conxuntos. Nin o Cisne lograba nunca irse de máis dun gol, nin os cataláns conseguían que as súas vantaxes superasen os dous tantos. Ao descanso quedaba todo por decidir (15-15).
A segunda parte acentuou a igualdade ata o minuto 50. Ata ese momento sucedéronse as vantaxes mínimas e empates. O Cisne entraba nos últimos 10 minutos por diante, pero aí atascouse en ataque, deixando escapar varias accións para posiblemente inclinar a balanza. Bordils non o desaproveitou. Cunha defensa intensa, os cataláns fixeron un parcial de 0-3 para tomar o mando (22-24).
Quedaban pouco máis de cinco minutos. O Cisne tentouno todo ata o final, poñéndose varias veces a un só gol e con balón para empatar, pero os visitantes aguantaron ata levar dous puntos vitais (26-27).
Consulta aquí as estatísticas do partido.
Relacionadas:
-
Bidasoa acredita a súa condición de líder e sentenza ao Cisne no primeiro tempo (21-35)
Por Ramiro Espiño |
-
Alarcos Ciudad Real aprovéitase de doce minutos malos do Cisne (29-27)
Por Redacción |
-
Grupo Covadonga aprovéitase da mala posta en escena do Cisne (32-29)
Por Redacción |
-
Juanfersa Gijón especialízase en aproveitar a bisoñez do Cisne (26-30)
Por Ramiro Espiño |
-
Dúas caras dun Cisne que se afunde na segunda parte en Alcobendas (30-23)
Por Redacción |