San Lázaro, un partido 'trampa' para o Pontevedra
Por Diego Espiño
Todo o que podía saber Luisito e o seu corpo técnico da Sociedad Deportiva Compostela de pouco vale xa ao adestrador do Pontevedra tras a profunda transformación que o cadro santiagués experimentou nas últimas semanas.
Por este motivo o preparador granate non se fía dun equipo que marcha pechacancelas na clasificación pero que por xogo e resultados parece reaccionar nas últimas semanas.
A substitución no banco, coa volta de Fredi Álvarez relevando a Iñaki Alonso, e as fichaxes do mercado invernal, revolucionaron aos composteláns, que vivían unha situación complicada tras iniciar a tempada aspirando ao play-off de ascenso e atoparse agora loitando por unha permanencia que se lles puxo moi complicada.
O cadro de San Lázaro perdeu ante un rival directo como o Peña Sport no primeiro partido con Fredi, pero tras ese tropezo conseguiu gañar ao Izarra e empatar a pasada fin de semana en Mareo ante o Sporting B nun partido no que mereceron mellor sorte.
Ademais do esquema e modo de xogo que tenta impoñer un técnico coñecido por Luisito, como é Fredi, o club da capital galega deu tres baixas no mes de xaneiro e pechou a incorporación de catro futbolistas que serán importantes durante a segunda volta.
As saídas de Rubén Sánchez (Mensajero), Gerard Oliva (Hospitalet) e Mikel Orbegozo (Marbella), cubríronse coa fichaxe do dianteiro Guillem Martí (Guadalajara), a volta do centrocampista Manu Rodríguez (Arandina) e dúas cesións, as de Bicho (Deportivo) e João Camacho (Nacional Funchal).
Por todo iso o encontro do sábado en San Lázaro pode cualificarse de partido 'trampa' para o Pontevedra, que encadea ademais tres xornadas sen gañar e necesita un triunfo para evitar que os seus perseguidores lle desbanquen do cuarto posto que ocupa dende hai varias xornadas.
A boa noticia para os granates esta semana foi o regreso aos adestramento de Adrián Mouriño, aínda que a súa presenza en Santiago está descartada, mentres haberá que esperar a ver a evolución de futbolistas con problemas físicos como Campillo.
As que son seguras no Pontevedra son as ausencia por sanción de Pablo, expulsado ante o Lealtad, e Pedro García, por acumulación de amoestacións. Pola contra o de San Lázaro podería ser o primeiro encontro da última fichaxe, Hugo Rodríguez.
Relacionadas:
-
Naufraxio dun Pontevedra despistado e sen fútbol (3-0) ante un Compostela máis intenso
Por Diego Espiño & Ramiro Espiño |
-
O Pontevedra visita ao Compostela sen fiarse dun equipo que "mellorou moito"
Por Diego Espiño |
-
Organizan unha viaxe para afeccionados a Santiago ante o derbi contra o Compostela
Por Redacción |
-
Miki, renovado e cedido ao Rápido de Bouzas
Por Diego Espiño |
-
Hugo Rodríguez preséntase con ilusión "por estar en los puestos altos de la clasificación"
Por Redacción |
-
O Pontevedra perdoa demasiado e págao co empate ante o Lealtad (2-2)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |