Tres puntos de ouro para Poio Pescamar á conta do Móstoles FSF (4-1)
Por Redacción
Conseguiu o Poio Pescamar romper a súa mala xeira de resultados que lle levaron a encaixar cinco derrotas consecutivas, e fíxoo dobregando a un rival directo como o Móstoles FSF nun primeiro tempo no que deixou sentenciado o partido con catro goles, para despois defender a renda ante un rival que acabou máis enteiro fisicamente, pero que non puido recuperar a desvantaxe.
A presión inicial do Poio traduciuse nun primeiro gol aos cinco minutos obra de Claudia, ao rematar no segundo pau un pase de Jenny despois dunha recuperación de balón.
Tres minutos despois, Yoli, en xogada individual, facía o segundo. As madrileñas tentaron superar ese dominio local, pero as mozas de Jorge Basanta tiveron o acerto ante a meta rival que lles faltou en partidos anteriores, logrando dous novos goles en apenas un minuto, un por medio de Nere Moldes, rematando no segundo pau un pase de Jessy, e outro de Charo, cun disparo exterior, en dúas xogadas iniciadas en senllas recuperacións de balón.
Na segunda parte, o Móstoles facíase co control do xogo, ante un Poio que co paso dos minutos e o cansazo optaba por esperar en cancha propia. A falta de acerto das mostoleñas obrigáballes a optar polo xogo de cinco no tramo final do partido, pero o seu único gol anotaríao Imna nunha rápida transición ofensiva, aínda que xa sen tempo para inquietar ás locais.
POIO PESCAMAR (4): Yarie; Charo, Claudia, Nere Moldes, Ale -cinco inicial-, Elena, Pipi, Jessy, Jenny e Yoli.
MÓSTOLES FSF (1): Ana Etayo; Patri Chamorro, Rocío, Inma, María Otero -cinco inicial-, Emma, Celia e Ballesteros.
Goles: (1-0) Minuto 5: Claudia. (2-0) Minuto 8: Yoli. (3-0) Minuto 13: Nere Moldes. (4-0) Minuto 13: Charo. (4-1) Minuto 39: Inma.
Incidencias: Pavillón Municipal da Seca (Poio). Uns 250 espectadores.