Martín Souto, das carrilanas ao bobsleigh
Por Redacción
Ten 16 anos, é de Bueu, e soña con triunfar nun deporte de inverno que ata agora resistíuselle aos españois, o bobsleigh.
Martín Souto leva un ano competindo sobre o xeo, desde que conseguiu a licenza pertinente para conducir un dos trineos propios desta modalidade invernal, que consiste en descender sobre unha pista de xeo a velocidades que poden superar os 100 quilómetros por hora.
A súa afección á velocidade comezou nas carrilanas, onde ensinou moi pronto do que era capaz. Agora loita por seguir mellorando con obxectivos moi claros na mente, como buscar a súa clasificación para os próximos Xogos Olímpicos da Xuventude.
Para iso será importante o seu papel nas próximas competicións ás que acuda, co apoio da Federación Española de Deportes de Xeo.
O problema para Martín ademais das pobres condicións de adestramento das que dispón en España, onde non existen pistas deste tipo, é o custoso das competicións, tendo que afrontar longas viaxes, como as próximas citas de Austria e Noruega.
Por ese motivo a nova promesa do bobsleigh busca apoios como o da Xunta de Galicia, con quen se reuniu este xoves nas instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, estando presente o responsable da Secretaría Xeral para o Deporte, José Ramón Lete.