O Feel Cortegada imponse a un Arxil que maquillou o marcador no último cuarto (67-60)
Por Ramón Estévez
Fontecarmoa era o escenario dun derby que podería parecer desigual a teor da clasificación que sitúa o Feel Cortegada como líder e ao Arxil como pechacancelas. Non obstante, os problemas polos que está a atravesar o equipo vilagarciano poderían facer pensar que o encontro podía igualarse, xa que Montse Gilabert se recuperou recentemente dos seus problemas de xeonllo e Amy Syll segue a ser baixa por motivos burocráticos. Pero á hora de saltar á cancha, as xogadoras adestradas por Pepe Vázquez seguen ao seu, gañando partido tras partido.
O equipo local iniciou o partido en tromba e disparouse a un 12-0 de saída con dúas triplas de Salomé García e cun Arxil que estivo máis de 4 minutos e medio sen anotar. Non obstante, as pontevedresas reaccionaron e conseguiron equilibrar o encontro chegando ao final do primeiro período só cinco puntos abaixo (19-14) cunha Fedorova que asumía responsabilidades de cara ao aro.
O segundo foi o cuarto do despegue do Cortegada. Ilenia Manzanares e Lucía Méndez paliaban a desvantaxe que podía haber na zona coa baixa de Amy Syll, ante a parella pontevedresa formada por Fedorova e Huntley e axudaban a unha colosal Andrea Ríos que non paraba de anotar e que se foi aos 25 puntos ao final do encontro. Deste xeito foise abrindo oco no marcador, cunhas pontevedresas que non era capaces de responder ás acometidas das locais. Cun parcial de 19-5 no cuarto o partido estaba case sentenciado (38-19) ao descanso.
No terceiro período as distancias mesmo aumentaron (55-31) no minuto 28. Un 5-0 para as de Maite Méndez puxo fin a un período no que se mantiveron as diferenzas (55-36), dando paso a un último cuarto que serviu para que Pepe Vázquez dese minutos ás canteranas, situación que aproveitou o Arxil para maquillar o marcador e deixalo no 67-60 final.
FEEL CORTEGADA 67 (19+19+17+12): Onaissa Sbahy (5), Salomé García (8), Ilenia Manzanares (10), Lucía Méndez (12) y Andrea Ríos (25) - cinco inicial - Montse Gilabert (4), Alejandra Carballa (2), Eva Arines (1), Esperanza Ventoso y Marta Carregal.
C.B. ARXIL 60 (14+5+17+24): Ana Martín (15), Carla Fernández (11), Sandra Entenza (7), Olga Fedorova (11) y Zara Huntley (7) - cinco inicial - Marina Ramírez, Jara Tuda (3), Estefanía López, Cristina Díaz y Natalia Soage (6).
Árbitros: David Manuel Guillán e Cristina García. Sen eliminadas.
Incidencias: Partido correspondiente á xornada 12 do grupo A da Liga Feminina 2 disputado no pavillón de Fontecarmoa ante uns 400 espectadores. Nutrida presenza de afeccionados pontevedreses.