![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/5346b690ce95e-16112012466.jpg)
CC BY-NC-SA PontevedraViva
Fran Rico recae da súa lesión de xeonllo e é sometido a unha artroscopia en Pontevedra polo doutor Cota
![Ramiro](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/a72/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/6352bc9a23-20140207-patxot-ramiro-020.jpg)
Por Ramiro Espiño
Segue o calvario para o ex-xogador do Pontevedra, actualmente nas filas da Granada, o portonovense Fran Rico, que volveu recaer dos seus problemas de xeonllo cando parecía estar na recta final da súa recuperación e a punto de regresar aos terreos de xogo.
Fran Rico foi sometido a unha artroscopia a final da pasada tempada polas molestias que sufría no seu xeonllo dereito do que fora operado na súa etapa nas filas do Real Madrid Castilla, pola rotura do ligamento cruzado e do menisco desa articulación. Posteriormente, a lesión tivo unha primeira complicación o verán pasado, ao formarse unha úlcera no xeonllo e cando parecía que o tratamento e a recuperación estaban a punto de culminar con éxito, ao incorporarse aos adestramentos co equipo da Granada volveron as molestias.
Ante esta situación o xogador, de acordo cos servizos médicos do Granada, optou por desprazarse ata Pontevedra e poñerse en mans do médico do R.C. Celta e da Selección española, Juan José García Cota, para someterse a unha nova astroscopia e iniciar un novo, e esperemos que definitivo, proceso de recuperación.
A intervención foi realizada na tarde do venres no Hospital Miguel Domínguez, e durou algo menos de dúas horas. Aínda que non se facilitou parte médica, que foi remitido aos galenos do club granadino para valoración e posterior seguimento, PontevedraViva puido saber que a proba realizada discorreu sen complicacións, polo que Fran Rico posiblemente abandone mañá mesmo o hospital pontevedrés.