A Escola de Enfermería forma a 50 nenos do Salgueiriños para saber enfrontarse a unha parada cardíaca
Por Redacción
Profesores e alumnos da Escola de Enfermería, dependente da Deputación de Pontevedra, realizaron un curso de formación no que ensinaron a medio cento de xogadores do Salgueiriños Club de Fútbol a saber como enfrontarse a unha parada cardiaca.
A Escola Universitaria de Enfermería de Pontevedra quixo sumarse con esta actividade á celebración do 'European restar a heart day', que se celebrou o venres da semana pasada. Os instrutores da xornada foron alumnos da asignatura de Enfermería de emerxencias e catástrofes da escola e os responsables da súa impartición, os profesores María Teresa Hermo Gonzalo e Felipe Fernández Méndez, que sinalaron que "conseguir a implicación da cidadanía no tratamento da parada cardiaca é fundamental para mellorar as tasas de supervivencia dos pacientes".
Os asistentes á xornada, xóvenes de 6 a 18 anos, practicaron diferentes obradoiros rotatorios sobre como realizar reanimación cardiopulmonar básica, utilizar un desfibrilador externo semiautomático, actuar en casos de atragantamento, colocar ás vítimas en posición lateral de seguridade e a utilizar correctamente unha cánula de Guedel. Todas estas son técnicas básicas da cadea de supervivencia imprescindibles para proporcionar unha correcta reanimación cardiopulmonar e mellorar as posibilidades de supervivencia das víctimas dunha parada cardiaca.
O ANTECEDENTE DE ÁLEX MEIRA
Os técnicos e xogadores do Salgueiriños Club de Fútbol están plenamente concienciados da importancia de saber reaccionar a tempo ante unha parada cardiaca. No ano 2012 viviron unha situación que, se cabe, aumentou máis todavía a súa implicación coa formación para emerxencias sanitarias deste tipo: un rapaz, Álex Meira, disfrutaba do fútbol co equipo cadete do Salgueiriños e, repentinamente, sufriu unha parada cardiorrespiratoria mentres adestraba. Todo quedou nun susto porque os seus adestradores actuaron a tempo.
Dende a Deputación de Pontevedra, o vicepresidente provincial, César Mosquera, responsable do centro universitario, aplaudiu o labor didáctico que a Escola de Enfermería realiza con outros colectivos do contorno en temas tan importantes como dar resposta correcta en situación de emerxencia.
Na xornada de formación en soporte vital básico contouse coa colaboración da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, que cedeu o pabellón durante as dúas horas que se desenvolveu a actividade.