Complicado desprazamento do Arxil que viaxa a Lugo para enfrontarse o Ensino
Por Redacción
Non terá un partido fácil o Arxil esta fin de semana. As pontevedresas viaxan ata Lugo para enfrontarse ao Ensino, un dos equipos invictos na liga Feminina 2 de baloncesto tras tres xornadas disputadas. O encontro terá lugar este sábado 24 de outubro, a partir das sete da tarde.
As lucenses, que derrotaron a domicilio ao Adba e ao Celta e en casa ao Badaxoz en tres partidos moi cómodos para elas, manteñen ademais unha ampla vantaxe nos enfrontamentos directos entre os dous equipos. O Arxil tan só puido derrotalas nun do últimos oito partidos disputados.
Pero as xogadoras de Mayte Méndez irán a Lugo coa mentalidade de tentar cambiar esta tendencia. De feito, desde o club lembran que o pasado ano tan só perderon por un punto e no play-off de ascenso a punto estiveron tamén de dar a sorpresa.
Aínda así, o Ensino está a mostrarse esta tempada como un equipo moi sólido. Cun plantel moi renovado e un novo adestrador á fronte, Juan Nécega, están a brillar a un gran nivel, especialmente grazas ao bo momento do que gozan xogadoras como Raquel Asensio, Tamara Montero, Marta Lema ou Abiana, o seu pivote nixeriana.
O Arxil enfróntase a este partido aínda en plena adaptación dun equipo que, o pasado ano, tiña como referencia anotada e no rebote a Diarrá, algo que están a conseguir coa achega de todo o equipo, un bloque moito máis compacto que a tempada anterior.