A nova mutua, unha dor de cabeza para o rugby pontevedrés
Por Diego Espiño
O rugby galego respira aliviado ao poder seguir adiante coas súas competicións tras pecharse o acordo polo seguro médico dos xogadores, pero a alegría durou pouco aos clubs, o tempo xusto para pensar o que se lles vén encima.
O acordo entre a Federación Galega e a empresa aseguradora Joyce establece unha suba do 50% no custo de cada ficha, situándose en 315 euros por xogador e unha prima de 200 euros por cada parte de lesión que se dea ao longo da tempada.
O elevado custo supón na práctica "una hipoteca", tal e como recoñece Pablo Irago, representante do Mareantes Rugby Club, e é que as entidades deberán asumir unhas cantidades que non tiñan contempladas nos seus orzamentos.
As fichas eran tradicionalmente asumidas por cada xogador, pero 315 euros supón demasiado esforzo para deportistas afeccionados, deixando en mans dos equipos a solución.
Hai clubs que aseguran non poder facer fronte a situación, pero non é o caso dos dous representantes pontevedreses nas ligas galegas, o propio Mareantes e o Pontevedra Rugby Club.
No caso do primeiro cada xogador asumirá 200 euros de ficha e o resto farase cargo o club "como podamos", mentres no caso do PRC a entidade completará a diferenza entre a pasada tempada e a actual, aínda por comezar, para que non supoña un gasto para os seus xogadores. Ademais dará facilidades para fraccionar o pagamento.
Caso a parte é a prima de 200 euros para cada asistencia, que "abocará a graves problemas a muchos clubes y competiciones", defenden desde o PRC.
"No hay club que pueda soportar diez partes en una temporada", completan desde o Mareantes, e é que este custo extra supoñerá na práctica que cada xogador asuma as pequenas lesións e indicendias co seu propio seguro ou coa Seguridade Social.
Un difícil panorama que afortunadamente non afecta as categorías inferiores, ao estar cubertas todas elas ata a idade sub-16 polo Plan Xogade da Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
Pontevedra Rugby Club e Mareantes inician a liga con derrota
Por Redacción |
-
Mareantes e Pontevedra Rugby Club afinan a súa preparación ante o inminente comezo de liga
Por Redacción |
-
O Mareantes busca novos membros para a súa familia
Por Redacción |
-
O Pontevedra Rugby Club sae á rúa na busca de novos talentos
Por Redacción |
-
O rugby galego, paralizado de novo pola falta de seguro médico
Por Diego Espiño |