Fútbol ao servizo da reinserción no Centro Penitenciario da Lama
Por Redacción
Non é só unha medida de reinserción, tamén unha vía de escape para todos os xogadores. É o programa de fútbol do Centro Penitenciario da Lama, que tras varios anos funcionando destaca agora no Campionato de Centros Penitenciarios.
O equipo do penal pontevedrés atópase a un partido da final nacional, que se disputará en Madrid, tras proclamarse campión do Grupo Norte en Vilalba.
No Municipal da Magdalena, A Lama impúxose ao Centro Penitenciario El Dueso por dous goles a un.
Adiantáronse os pontevedreses cun gol de Bentejui e ampliaron a distancia ao descanso por medio de Canillas. No segundo tempo recortou distancias Félix para El Dueso poñendo emoción ao choque, pero o marcador xa non se movería.
Agora A Lama afrontará unha última eliminatoria previa á gran final ante un rival que aínda non se coñece.
Acudiron ao partido en Vilalba, ademais de Álvaro Novo como director do penal pontevedrés, o presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, e o alcalde da localidade, Gerardo Criado.