La Vuelta volverá pasar pola provincia en 2016
Por Redacción
Logo dun ano de ausencia, La Vuelta Ciclista a España volverá en 2016 a cruzar a xeografía galega e tamén as estradas pontevedresas.
A directora de Tursimo de Galicia, Nava Castro, confirmou este venres que a rolda por etapas arrancará a súa próxima edición nun balneario de Ourense. Será cunha contrarreloxo por equipos, pero non quedará aí o paso da caravana ciclista.
En total serán cinco as etapas que se desenvolverán en Galicia, pasando polas catro provincias converténdose en "unha magnifica ferramenta para dar a coñecer as variadas paisaxes, a sorprendente natureza, a excelente enogastronomía e ou noso importante patrimonio cultural", explicou Nava Castro.
En canto á etapa pontevedresa, a capital provincial ve con bos ollos a posibilidade de acoller a saída ou chegada dalgunha das xornadas de competición, dado o impacto económico e publicitario que supón.
En todo caso dende o Concello aseguran que non se produciron polo momento contactos con Unipublic, empresa organizadora da carreira.
A de 2016 será a oitava vez que La Vuelta comece en Galicia. A anterior foi en 2013, cando arrancou en Vilanova de Arousa desde unha batea.