Presentada no concello de Marín a carreira Pinga-Pinga 2012
Por Ramiro Espiño
A parroquia marinense de Santo Tomé de Piñeiro será escenario o próximo sábado día 13 da Carreira Pinga-Pinga 2012, que foi presentada hoxe no Concello de Marín, con asistencia da alcaldesa, María Ramallo, o concelleiro de deportes e membros do comité organizador. A proba, que alcanza este ano a súa terceira edición, renderá homenaxe ao piragüista e máximo medallista olímpico da historia do deporte español, David Cal.
Diego González, presidente do club Pinarium, organizador da carreira, destacou que o obxectivo desta edición non é outro que "o de seguir consolidando a carreira dentro do calendario das probas celebradas en Galicia, así como seguir fomentando o deporte na xuventude e dar a coñecer a zona do Morrazo, máis en concreto o concello de Marín e a parroquia de Santo Tomé de Piñeiro, conscientes de que unha carreira destas condicións permite a participación de todos os amantes do deporte, tanto deportistas de elite coma afeccionados".
Con respecto ás incripciones superouse xa o número de 100, aínda que a organización considera que será complicado superar os 530 participantes do pasado ano ao coincidir coa proba "Vigo+11", que convoca a máis de 1.000 participantes e pode restar afluencia á Pinga-Pinga.
Para os interesados en participar e co fin de evitar aglomeracións de última hora, poderán facelo a través da web www.championchipnorte.com, que será a empresa cronometradora da carreira absoluta.
O campo de fútbol Chan de Piñeiro será escenario da saída e chegada
A carreira terá como escenario o campo de fútbol Chan de Piñeiro, onde terá lugar a saída e chegada, no ámbito da celebración da festa da Sidra e a Mazá. Ás 16,00 horas será a carreira de menores, que discorrerá dentro do mesmo campo de fútbol, mentres que a categoría absoluta, que comezará ás 17,00 horas, fará o mesmo percorrido que nos dous anos anteriores, un circuíto de 2.300 metros, que pasa por diante da fonte que dá nome á carreira e ao que os participantes deben dar un total de tres voltas, para completar sete quilómetros.
Os primeiros de cada categoría obterán o correspondente trofeo e os tres primeiros clasificados tamén premios en metálico. Ademais cada participante recibirá unha camiseta na categoría absoluta e medallas e regalos para os máis pequenos.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo, destacou para finalizar que "é unha carreira na que todo o mundo colabora, pero que hai que reforzar aínda máis, sendo un acerto que coincida coa festa da Sidra e a Mazá", resaltando tamén que o Concello colabora "para ofrecer un evento que traspasa as fronteiras locais e no que este ano é un privilexio contar coa presenza dun campión como David Cal, que releva aos irmáns De la Torre, homenaxeados o pasado ano,".