Álvaro Queijeiro incorpórase ao Pontevedra cedido polo Deportivo
Por Ramiro Espiño
Apurando case ata o límite o prazo de fichaxes antes do peche do mercado, o Pontevedra conseguiu pechar o seu plantel coa incorporación dun novo xogador. Trátase de Álvaro Queijeiro Pintos, que chega ao club granate cedido polo Deportivo da Coruña ata final de tempada, tras o acordo alcanzado a media tarde deste luns entre ambos os dous clubs.
O xogador, que realizou a pretempada co primeiro equipo herculino ás ordes de Víctor Sánchez del Amo, está considerado como unha das perlas da canteira deportivista. Non obstante, ao non ter oco en Primeira División, o Deportivo optou por unha cesión a Segunda División B, co obxecto de que complete a súa formación dispoñendo de minutos nunha categoría superior á do seu filial.
Queijeiro ten 22 anos de idade, polo que ocupa praza de sub-23, e o seu posto habitual é o de medio centro de corte defensivo, pero cunha excelente saída de balón, o que lle permite exercer como organizador de xogo, faceta na que destacaba no Deportivo B.
O xogador, cuxo nome soaba dende hai máis dun mes como unha das preferencias de Luisito para apuntalar o equipo, será presentado este martes en Pasarón e incorporarase inmediatamente ao traballo co resto do equipo granate.
Relacionadas:
-
Queijeiro chega ao Pontevedra, "el sitio ideal para que pueda seguir creciendo"
Por Diego Espiño |
-
A temperá expulsión de Pablo Carnero condiciona ao Pontevedra que cae (1-0) en Cáceres
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Cáceres, primeira parada para un Pontevedra que busca estrear a súa cuadrícula
Por Ramiro Espiño |
-
Os xogadores do Pontevedra póñense ao día co regulamento
Por Redacción |