Novo calendario para Peixe Galego e Xuven na LEB Prata
Por Diego Espiño
A Liga LEB Prata, na que competirán un ano máis o Marín Peixe Galego e o Club Xuventude Cambados, conta dende este luns cun novo calendario de competición.
A Federación Española de Baloncesto celebrou un novo sorteo tras ascender ao Barcelona B a LEB Ouro.
A liga regular mantén a súa data de inicio para o día 3 de outubro, pero cambian os rivais e tamén o lugar de estrea para os de Marín. O conxunto 'peixe' debutará na casa ante o Araberri vasco, mentres o Xuven tamén se estreará no seu pavillón ante o Ciudad de Valladolid.
Na segunda xornada o primeiro desprazamento para ambos os dous será ante El Bulevar de Ávila e Covirán Granada respectivamente.
Os duelos de rivalidade entre os dous equipos pontevedreses xogaranse na xornada 8 (21 de novembro) e na 21 (5 de marzo), primeiro na Raña e despois no Pombal, Cambados.
Para pechar a liga regular o Peixe Galego recibirá o 9 de abril a Instituto Fertilidad e o Xuven viaxará ao País Vasco para xogar ante o Zornotza.
Pola súa banda os play-off de ascenso disputaranse entre os días 27 de abril e 31 de maio.
Consulta o novo calendario de competición da LEB Prata.
MALESTAR DOS CLUBS
Os clubs mostraron na últimas horas o seu malestar pola decisión adoptada pola Federación Española, entre eles o Peixe Galego, cun extenso comunicado de protesta na súa páxina de Facebook.
A entidade marinense critica, entre outras cousas, o escurantismo no ascenso administrativo do filial da Barcelona, que considera un "agravio comparativo" ao non facer pública esta opción "para, polo menos, dar a oportunidade aos clubs que deportivamente poderían facelo a estas alturas do ano e teñen mais dereitos deportivos".
Ademais as queixas xiran en torno ao quebranto económico dun novo calendario, con viaxes que xa estaban contratadas ou fichaxes de xogadores con datas de vencemento que será necesario revisar.
Por todo iso dende o Peixe Galego solicítase á Comisión Delegada, como compensación, a exención do segundo pagamento da inscrición na liga. A este comunicado sumáronse xa varios equipos da categoría.
Relacionadas:
-
Varios equipos de LEB, co Peixe Galego á cabeza, plantexan fusionar as categorías Ouro e Prata
Por Diego Espiño |
-
O Peixe Galego toma aire coa firma dun acordo de patrocinio con ENCE
Por Redacción |
-
O Peixe Galego pesca na NCAA para pechar o seu xogo exterior
Por Redacción |
-
Álex Navajas, experiencia de LEB Ouro para reforzar o xogo interior do Peixe Galego
Por Redacción |
-
A LEB prata xa ten calendario para unha competición que arrancará o 3 de outubro
Por Redacción |