Xogando a medio gas o Teucro golea (29-16) unha débil Australia
Por Ramiro Espiño
Adestramento con público para o Teucro fronte a un rival, a selección australiana, que veu a ultimar a súa preparación de cara á participación no mundial de balonmán que se disputa en España e que sae a malleira por partido disputado. Os aussies estarán no mundial, pero dífícilmente conseguirían manter a categoría na División de Honra Prata española na que milita o conxunto teucrista, tan frouxo é o nivel de xogo e fundamentos técnicos exhibidos sobre a pista do pavillón pontevedrés.
Desa escaseza de argumentos fala por si só que nos primeiros 15 minutos de partido os australianos cometeron ata 5 faltas en ataque, ademais doutras 4 infraccións do ciclo de pasos, así como o feito de que nunha dobre inferioridade por senllas exclusións nas filas do Teucro, nin sequera chegaron a lanzar a porta nos tres ataques que realizaron.
A debilidade do rival foi aproveitada por Javier Barrios para dar minutos a todos os seus xogadores, incluídos os dous porteiros máis novos, Gonzalo García e Tomás Dobarro, que non desentoaron, se ben a proba poucas conclusións permite ao técnico azul de cara á reanudación ligueira no próximo mes de febreiro.
Xogando a medio gas o Teucro ía anotando con comodidade e aumentando paulatinamente a diferenza no luminoso. Iso si, non era cuestión de asañarse co rival e non o fixeron os pontevedreses, que de terllo proposto poderían lograr un resultado de escándalo, así que simplemente por inercia foron plasmando a superioridade e a distancia sideral que hoxe en día existe entre o balonmán español e o australiano.
S.D. TEUCRO (29): Juan Bar; Aarón Vidal (1), Toño Fernández (6, 1 de penalti), Alejandro Pombo (4, 2 de penalti), David Chapela (1), Miguel Porto (1), Didac Villar (1, de penalti) -sete inicial-, Gonzalo García (p.s.), Tomás Dobarro (p.s.), César Armán, Carlos Pombo (1), Tomás Moreira (6), José Manuel Rial (2), Carlos García (3, 2 de penalti), Borja Pedreira e Siscu (3).
AUSTRALIA (16): Ognsen Latinovic; Bevan Calvert (3, 1 de penalti), Tommy Fletcher (3), Martin Najdovski, Mitchell Hedges (1), Daniel Kelly (3), Ognsen Matic (3) -sete inicial-, Kristofer Karlsson (p.s.), Callum Mouncey, Antonio Queiroz (1), Caleb Gahan, Timothy Anderson (2) e Jay Abiera.
Árbitros: Crespo Gómez e Sestay Prieto (Galicia). Excluíron por dous minutos a Carlos Pombo, Miguel Porto, Carlos García, Bevan Calvert, Tommy Fletcher, Martin Najdovski, Daniel Kelly e Ognsen Matic.
Marcador (cada cinco minutos): 2-1, 4-3, 5-4, 7-5, 11-5, 13-7 (descanso), 17-9, 19-10, 23-12, 26-13, 28-16 e 29-16 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos deportes de Pontevedra. Uns 200 espectadores nas bancadas.