A Regata de Cruceiros de Aguete alcanza a súa maioría de idade
Por Redacción
Un ano máis, e van 18, o Real Club de Mar de Aguete prepárase para a súa tradicional Regata de Cruceiros, que nesta ocasión leva os apelidos de Gran Premio Deputación de Pontevedra e Trofeo Capitán de Corbeta Jaime Janer.
A competición celebrarase os días 1 e 2 de agosto en augas da Ría de Pontevedra e foi presentada este mércores nas instalacións do club.
O obxectivo pasa por volver reunir preto de 40 embarcacións no que é un dos dous únicos eventos en Galicia puntuables para a Copa de España de Cruceiros.
A primeira etapa, prevista para o sábado 1, contará cun percorrido de 20 millas que pasará fronte aos faros de Ons e Bueu, saíndo dende o porto de Aguete.
Pola súa banda, a xornada dominical contará con dúas regatas en senllos percorridos habilitados fronte ao Club de Mar con preto de 6 millas de lonxitude cada un e que terán o aliciente da súa proximidade ao porto e á praia de Aguete.
Á presentación da competición acudiron entre outros o presidente do club, Manuel Torres, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o presidente da Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde.