Solventis, Raygrass III e Enxuto, gañadores da XVII Regata Cruceiros de Aguete
Por Redacción
Dúas emocionantes probas de tipo barlovento/sotavento puxeron o broche de ouro á XVII edición da Regata Cruceiros de Aguete, proba organizada polo Real Club de Mar de Aguete e que se celebrou esta fin de semana en augas da Ría de Pontevedra. Numeroso público achegouse ata as instalacións portuarias para seguir a evolución da frota participante.
Cun aprazamento dunha hora sobre o horario previsto, a partir das 13:00 horas comezaron dous percorridos técnicos de 6 millas de lonxitude total fronte ao Club de Mar de Aguete.
Na división regata, o triunfo foi para o Solventis, patroneado por Manuel Bermúdez. Impúxose por tan só un punto ao Rías Baixas de Javier de la Gándara, tras quedar primeiro e terceiro nas dúas probas disputadas. Pola súa banda, na división cruceiro/regata, o mellor barco foi o Raygrass III de José Antonio Núñez (primeiro e terceiro tamén), que se impuxo igualmente pola mínima ao Menudeta de Víctor Carrión.
Xa na división cruceiro, o Enxuto de Pablo Conde (CN Combarro) foi o vencedor. Foi o máis regular cun segundo e un terceiro posto na súa clase. Impúxose por só un punto ao Chispa Nejra de José Rey. A embarcación do RCM Aguete, o Grifo de Francisco Freire, foi cuarto.
A REGATA COMEZOU O SÁBADO
A competición iniciouse o sábado coa disputa do Trofeo Murimar para os vencedores da etapa costeira longa da regata. O percorrido de 17,5 millas, fíxoo en tempo real en primeiro lugar o Etea de Fernando Cominges, parando o crono en 02:27:20. Solventis, Raygrass III e Punta Lagoa lideraron a proba en tempo compensado.