Bo partido do Pontevedra que supera en todo menos no marcador (0-0) a un decepcionante Deportivo B
Por Ramiro Espiño
Para aqueles que pensen que un partido sen goles é sinónimo de aburrimento o presenciado en Pasarón é clara mostra de que tal premisa non sempre é correcta. Iso si, nesta ocasión só xogou un equipo e ese foi o Pontevedra que superou en toda regra a un decepcionante Deportivo B ao que soubo atar as mans e a quen salvou a falta de puntaría nos últimos metros dos granates dunha derrota clara.
Ademais, unha arbitraxe correcta, mesmo boa en liñas xerais, viuse embazado por dous lunares graves que condicionaron claramente o resultado final. O primeiro deles ao perdoar a segunda tarxeta amarela ao central deportivista Insúa, cando se xogaban os minutos finais do primeiro período, e o segundo e máis importante, ao deixar pasar un claro penalti cometido por Roberto sobre Jacobo, a falta de dous minutos para a conclusión.
O Pontevedra sorprendeu o seu rival cunha presión asfixiante sobre a saída de balón. Adiantando a liña defensiva os granates non deixaban respirar un Deportivo B que só inquietaba, e de forma relativa, cando en contadas ocasións lograba facer chegar o coiro aos pés de Lemos, que superaba con relativa facilidade a Nano. A dúbida estaba en se os locais aguantarían o forte rítmo imposto, pero fixérono e de que forma.
Co balón nos pés o Pontevedra encontrábase a gusto e cando o perdía a súa intensidade na presión forzaba frecuentes erros nas entregas e perdas de balón, que non obstante non eran aproveitadas para romper a igualada no marcador.
Tubo e Richi dispuxeron das ocasións máis claras, abortadas pola zaga herculina, que sufría cada vez que trataba de xogar a pelota, sen lograr conectar nunca cos seus homes de creación. O Deportivo B nin sequera se asomaba en ataque, abonde dicir que en todo o partido unicamente disparou entre os tres paus nunha ocasión, nun enviou frouxo e sen perigo de Lemos ás mans de Lloves.
Lonxe de baixar o ritmo na reanudación o Pontevedra apertou aínda máis o acelerador. Pablo estrelaba o balón no poste á saída dun corner e o Deportivo B empezaba a dar por máis que bo o empate, intentando perder tempo para frear aos granates. Milo dá entrada a Javi Pazos e Santi Domínguez, buscando manter a intensidade e deixando a Tubo de falso lateral, ante a falta de efectivos dun Depor repregado e timorato.
Precisamente Santi Domínguez sería o protagonista das seguintes accións, a primeira nunha caída na área que o árbitro non considerou punible, e a segunda nun disparo que se lle foi alto, dende moi preto, cando Javi Pazos esperaba o pase desmarcado.
A falta de dous minutos o árbitro non sancionou un claro penalti sobre Jacobo
Nunha das escasas saídas da súa parcela, os coruñeses estiveron a punto de sacar petróleo cando Pablo falla no rexeitamento e deixa o balón franco para que Romay o mande ás nubes. Sería o canto do cisne dos visitantes, que a falta de dous minutos viron como un grave erro arbitral lles permitía saír airosos ao non sinalar o claro penalti de Roberto a Jacobo.
Repartición de puntos que sabe a pouco, pero satisfacción pola boa imaxe que, esta vez si, deixou o Pontevedra, ovacionado xustamente pola súa afección ao finalizar o partido.
PONTEVEDRA CF (0): Lloves (1); Adrián (2), Caco (3), Pablo (1), Nano (1); Cristóbal Juncal (2), Iago Paz (2), Moisés Pereiro (3), Jacobo (3); Tubo (3) e Richi (2).
Substitucións: Santi Domínguez (2) por Nano, minuto 54. Javi Pazos (1) por Richi, minuto 54. Fran Fandiño (1) por Caco, minuto 71.
RC DEPORTIVO B (0): Marc (2); Iván González (2), Roberto (1), Insúa (1), Angel (1); Sidibé (1), Teles (1); Lemos (2) Romay (1), Álex Pérez (1); e Luis (1).
Substitucións: Adrián (1) por Álex Pérez, minuto 54. Víctor (s.c.) por Teles, minuto 79. Cano (s.c.) por Luis, minuto 93.
Árbitro: Jiménez Alberte (Ourense), auxiliado por Rodicio González e Queija Domínguez. Amoestou a Nano, Pablo e Jacobo no Pontevedra e a Insua, Romay, Teles e Marc no Deportivo B.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón, Pontevedra. Pouco máis de 1.000 espectadores. Gardouse un minuto de silencio en memoria do socio número 2 do Pontevedra, Urbano Rodríguez, e do ex-xogador e adestrador do Pontevedra José Luis Viesca.
VESTIARIOS:
JOSÿ LUIS DEVESA: Non tivo reparos en recoñecer o técnico herculino que o seu equipo fora netamente inferior ao Pontevedra: "Despois do partido que fixemos hoxe o punto conseguido teño que recoñecer que é moi positivo. Estou decepcionado co xogo que practicamos, como o están tamén os meus xogadores. Non fomos nin a sombra do que debemos ser. O Pontevedra adiantou a súa defensa, premeunos moi arriba e non encontramos solucións. Creo que tiramos a porta unha soa vez en todo o partido e iso é moi pouco, pero non tivemos a pelota e sen ela é imposible facer máis".
Con respecto ás xogadas polémicas, o adestrador visitante viunas así: "Non sei se hai penalti. Paréceme que o balón sae desprazado, pero a verdade, non o sei con certeza. En canto á entrada de Insua na primeira parte é posible que merecese tarxeta, si, e sería a segunda, pero o que non o era é a primeira que lle mostrou".
MILO ABELLEIRA: O adestrador granate estaba satisfeito do rendemento do seu equipo, aínda que non do resultado final: "Hoxe non se lle pode poñer un só pero ao equipo. Fixemos con diferenza o mellor partido da tempada, premendo arriba, pero faltounos o gol ao non ser capaces de aproveitar as ocasións que xeramos. Ao Deportivo non lle demos opción, só un erro de Pablo que tiraron fóra, pero logo non os deixamos facer o seu xogo e só por mala sorte non puidemos gañar".
Ademais non dubidou á hora de sinalar como outra das claves do resultado a actuación arbitral: "Houbo dous penaltis claros, un a Santi pero máis aínda o de Jacobo. Creo que o árbitro non quixo velos, como non quixo ver a segunda tarxeta a Insua no primeiro tempo,".
Por último preguntóuselle sobre a posibilidade de "ir" ao mercado de inverno para reforzar ao equipo, o que provocou a resposta irónica do técnico: "Eu vivo ao lado do mercado, pero... " para continuar xa en serio: "Supoño que o consello me dirá algo. Se podemos farémolo, pero dependerá de se hai posibilidades económicas, ou se algún dos xogadores que están quere saír, cousa que polo momento non sucedeu".