300 atletas participarán este sábado no V Tríatlon Concello de Poio
Por Redacción
A contorna de Lourido acolle este sábado 4 de xullo o V Tríatlon Concello de Poio que desenvolverá as modalidades de natación, ciclismo e a carreira a pé no Porto de Campelo, a avenida da Praia e en Padre Avelino coa participación de 300 atletas, aumentando en máis de 70 a cifra lograda durante o pasado verán.
A primeira saída será ás 15.30 horas coa carreira popular, ás 16.30 horas comezará a proba federada masculina sen corte, a feminina vai iniciarse ás 17.50 horas e a proba masculina con corte, clasificatoria para o campionato galego, ás 18.00 horas.
Na presentación, a concelleira de Deportes, Marga Caldas, indicou que esperan que sobre as 19.00 horas finalice a competición coa entrega de premios para todas as categorías. Haberá premios económicos en absolutos e clubs federados e galardóns para todas as categorías nos tres primeiros postos.
A proba obrigará a cortar ao tráfico das probas a avenida da Praia e Padre Avelino durante a celebración das probas, pero non se elimina o aparcadoiro nestas zonas tendo en conta que é unha xornada onde numerosas persoas aproveitarán para achegarse ás praias do concello.
Jonathan Cancela da Federación de Tríatlon indicou que este sábado competirán atletas como Iván Rubio, Francisco Cendán, Ismael López, Carlos Brión, Camila Alonso e Sara Guerrero, ambas as dúas campioas de España por equipos no campionato celebrado en Pontevedra, ademais de Marta Barbeito. Tamén está previsto que participen Susana Rodríguez, campioa do mundo de tríatlon para deportistas con discapacidade visual e Aaron Ortiz, o primeiro atleta con parálise cerebral, pertencente ao club de Poio, que participará nesta proba.
A proba popular consistirá nun percorrido de 300 metros a nado, 10 quilómetros en bicicleta e 1,6 quilómetros de carreira mentres que para os federados as distancias serán 750 metros na proba de natación, 20 quilómetros de ciclismo e unha carrrera de 5 quilómetros.
Marga Caldas quixo destacar tamén a importancia que ten a Escola de Tríatlon de Poio como "base para coller ás rendas e manter vivo este deporte" e sinalou que, no futuro, o actual equipo de goberno seguirá apostando por esta actividade deportiva.
Relacionadas:
-
Camila Alonso e Ismael López, triunfadores da V edición do Tríatlon Concello de Poio
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Marcos Mayo e María Jesús Coya, gañadores do IX Dúatlon Cross Concello de Poio
Por Redacción |
-
A Federación Galega de Tríatlon inclúe a Pontevedra, Poio e Sanxenxo no seu calendario de 2015
Por Redacción |