Goleada do Pontevedra xuvenil (4-0) sobre o Laredo que lle serve para saír dos postos de descenso
Por Ramiro Espiño
Non foi rival o Laredo para un Pontevedra xuvenil que se impuxo con claridade (4-0) logrando unha importante vitoria que lle serve para abandonar os postos de descenso, aos que cae o seu rival, ademais de superar o parcial co conxunto cántabro, inimigo directo na loita pola permanencia.
O partido, aprazado no seu día pola inundación do sintético da Xunqueira, revestía moita importancia para ambos os dous conxuntos. Os cántabros avantaxaban aos granates nun só punto, marcando precisamente a salvación da categoría, polo que un tropezo local podería ter serias consecuencias para a segunda volta ligueira.
Pronto viuse que o Laredo non ía ser rival para o Pontevedra. Os granates, ben dirixidos por un inspirado Tomás chegaban doado e con moito perigo. A superioridade quedou plasmada en só 15 minutos, cando Kike logra o primeiro gol ao colocar na mesma escuadra un libre directo dende o bordo da área.
A sentenza puido chegar no minuto 35, cando unha grande acción individual de Tomás é freada en claro penalti por Román. Non obstante Joni quixo asegurar o lanzamento e o meta Javi adiviñoulle a traxectoria rexeitando o balón.
Só durou tres minutos a esperanza cántabra, xa que Chus vía unha absurda segunda amarela deixando o seu equipo en inferioridade.
E se o Laredo con todos os seus efectivos non conseguira chegar nin unha sóla vez con perigo, a segunda parte foi un paseo para os locais, especialmente cando xa no minuto 5 da reanudación anotaba o segundo ao acertar, agora si, Nico dende o punto de penalti. Tomás completaría a sua excelente tarde co terceiro e Puyi, en plena festa, pecharía a conta, para asinar unha vitoria que vale máis que tres puntos ao superar o parcial encaixado na primeira volta, dato importante en caso dun hipotético empate a puntos ao final de liga.
PONTEVEDRA, C.F. (4): Adrián; Puyi, Yago, Marou, Emilio, Joni (Brais, min. 70), Kevin (Marwan, min. 55), Tomás, Kike (Gabi, min. 72), Nico (Jaime, min.65) e Dani Muradás.
C.D. LAREDO (0): Javi; Espi, Antonio, Chus, Tobio (Borja, min. 67), Javi González (Raúl, min. 75), Sergio (Guille, min. 50), Fonso (Molina, min. 50), Vicen, Luis e Román.
Árbitro: ÿscar López, auxiliado nas bandas por Bascoy Rodríguez e Darío César Domenech (Pontevedra). Expulsou por dobre amoestación a Chus (minuto 38). Amoestou a Yago, Nico, Vicente, Sergio e Román.
Goles: (1-0) Minuto 15: Kike. (2-0) Minuto 50: Nico, de penalti. (3-0) Minuto 72: Tomás. (4-0) Minuto 75: Puyi.
Incidencias: Sintético da Xunqueira. Uns cen espectadores. Partido correspondente á xornada do pasado 16 de decembro, aprazado pola chuvia.