Caco sofre un golpe no pé e é dúbida para o partido fronte ao Deportivo B
Por Ramiro Espiño
Susto para Milo Abelleira no adestramento realizado na tarde do xoves en Pasarón. Nun lance fortuíto, disputando un balón, o capitán granate, Caco, recibiu un forte golpe nun dedo dun pé que o fixo abandonar a sesión. Aínda que haberá que esperar a ver como evoluciona, tras ser atendido pola fisioterapeuta, Nerea Videira, o prognóstico é de moderado optimismo con respecto á súa recuperación de cara ao partido do próximo domingo, fronte ao Deportivo B, aínda que as dúbidas non se despexarán totalmente ata comprobar se a dor remite, especialmente ao golpear o balón.
Aínda á marxe do grupo traballou Santi Domínguez, que se ben evidencia unha notable melloría, por precaución adestrou a menor ritmo que os seus compañeiros, estando previsto que se incorpore plenamente ao traballo do grupo nas dúas últimas sesións da semana, o que, salvo contratempos imprevistos, permite dar por segura a súa participación fronte o filial deportivista.
Na volta ao traballo, tanto o mércores coma o xoves, os xogadores granates mostraron ganas de comezar o ano con bo pé, remontando posicións na táboa e afastándose da liña de irregularidade que lles perseguiu durante practicamente toda a primeira volta da competición. Para iso a primeira reválida será fronte a un rival directo, que ademais chega nunha dinámica positiva de resultados, como o Deportivo B, nun partido no que os granates queren aferrarse ao bo rendemento exhibido fronte a equipos da zona alta, xa que, coa excepción do desastre de Ferrol, o Pontevedra está a obter os seus mellores resultados precisamente ante os rivais en teoría máis complicados.