Carlos Alonso e Yago Iglesias xa están na casa
Por Ramiro Espiño
Al-Ittihad xa é historia para Carlos Alonso e Yago Iglesias. O fisioterapeuta e o preparador físico, que coincidiron no Pontevedra CF como fisioterapeuta do primeiro equipo e como segundo adestrador do filial respectivamente, chegaron ao aeroporto de Peinador tras un larguísimo viaxe que lles levou dende Arabia Saudí a Dubai e París, como escalas no seu obxectivo de volver á casa.
"Entre oficinas e viaxes levamos sen durmir 35 horas agora mesmo, dende a noite de fin de ano, exactamente". Así o expresaba Carlos nada máis aparecer pola porta de saída da terminal viguesa. Con rostro visiblemente canso, pero co sorriso no rostro, tras saudar amigos e familiares que acudiron a esperalos.
Para facer máis longa a espera, o voo procedente de París no que viaxaban ambos os dous, chegou sobre as 12.30 horas do xoves, cuns 45 minutos de atraso. Os nervios facíanse notar especialmente na noiva de Yago, que non vía o momento de poñer fin á angustia vivida nos últimos días.
Os dous quixeron agradecer o apoio recibido nestes días, tanto de amigos, a través das redes sociais, como dos medios de comunicación, para seguir aclarando os motivos da súa decisión de abandonar Arabia Saudí: "Raúl Caneda xa nos avisara que seguramente teriamos atrasos para cobrar, pero iso non foi o peor, se non o tema do contrato -dicía Carlos-. Estás nun país diferente, a nivel social, cultural, de todo, e non tes ningún tipo de amparo. Dende que chegamos estabámoslle a reclamar un contrato que nos chegou casualmente o día antes de rescindilo".
Yago abundaba nos motivos polos que decidiron poñer fin á súa relación con Al-Ittihad: "Tomamos a decisión a raíz de que nos din que non podemos vir, que non podemos saír nestas datas. ÿ a gota que enche o vaso por decimocuarta vez. Nós sabiamos que iamos a un país que teñen ese sistema, porque falando con outros españois que traballan para Renfe e para un acuario, alí, nos dicían que eles tamén teñen eses problemas, pero o que non pode ser é que non teñas nin onde vivir ben. Cando nos din que non podemos viaxar é cando somos conscientes de que estamos ilegais no país, e estamos a falar dun país non europeo, cunhas medidas de seguridade extremas, é o que nos fai preguntarnos que facemos aquí. Demos unha marxe para ver se se arranxaba, pero non podiamos estar así outros cinco meses".
Sobre a forma de xestionar a súa saída, Yago manifestaba: "Non sabemos exactamente como saímos. Sabemos que nos puxeron o selo no visado, pero o que fixemos nestes últimos días sabémolo Carlos e eu e mellor que quede para nós e os nosos familiares. O que podemos dicir é que nos formulan un visado en 24 horas, como ilegais, e que non podemos volver en cinco anos. Saímos coma se fosemos apestados, si, cando o que fomos a facer alí non era nada malo".
Pola súa banda Carlos abundaba sobre as súas palabras a través das redes sociais: "Eu mesmo, nun momento de quenta, escribín no meu Facebook que estabamos secuestrados. Obviamente un secuestro é outra cousa, pero si que realmente estabamos nun sitio no que non queriamos estar, retidos nun país no que xa non queriamos seguir,".
O curioso é que segundo Yago, a directiva de Al-Ittihad mesmo quería ampliar a súa vinculación profesional con ambos os dous: "Queremos deixar ben claro é que a nivel profesional non tivemos ningún problema, é máis, dous días antes de asinar o contrato tivemos unha reunión con parte da directiva e nos din que queren que asinemos por máis dun ano e que vaiamos á parte da vinculación do adestrador, Raúl Caneda. Dicímoslles que, non claro, porque a dous días de virnos para casa non temos o contrato, e no que nos poñen logo hai cláusulas que non cumpren dende o primeiro día".
Por último, Carlos quixo tamén aclarar a participación do técnico grovense, Raúl Caneda, que foi quen os levou ao equipo saudita, en toda esta situación: "A decisión de marchar foi nosa. Iso que quede claro. No mesmo cesped fun cara a Raúl Caneda e díxenlle, Rául, eu cando esta xente decida que podemos marchar do país voume e non volvo. Encantado de coñecerte e tes que buscar un fisio. Ao día seguinte tiñamos un partido importante. Raúl púxose en contacto connosco e esa mesma noite el viaxaba a España, que era o que tiñamos planificado todos. Xa dende España se puxo en contacto connosco un par de veces e preocupouse de que cobrásemos ata o último día traballado, polo que nese aspecto lle estamos agradecidos,".