Carlos Alonso y Yago Iglesias, ex membros do Pontevedra CF, "secuestrados" en Arabia Saudita
Por Alejandro Espiño
A aventura arábiga do fisioterapeuta moañés Carlos Alonso e o preparador físico ribeirense, Yago Iglesias, converteuse nun pesadelo. "Estamos secuestrados en Arabia Saudita", aseguran. Ata este punto derivou un proxecto profesional que lles levou a formar parte do corpo técnico do Al-Ittihad, un dos principais equipos de fútbol de Oriente Medio, ao que se incorporaron hai cinco meses.
Ambos coincidiron no PontevedraCF. Carlos Alonso foi fisioterapeuta con Pablo Alfaro de adestrador e Yago Iglesias acompañou, como segundo adestrador, a Luís Casais durante a súa etapa como míster do filial granate. E aos dous chegoulles unha oferta que non puideron rexeitar. O Al-Ittihad, equipo punteiro do fútbol asiático, puxo os seus ollos neles. O seu adestrador, o grovense Raúl Caneda, queríaos con el. E non o dubidaron.
Ata agora, todo había ir ao pedir de boca. Integráronse perfectamente no país e, profesionalmente, o equipo tivo unha tempada fantástica. Chegou ata as semifinais da Champions League asiática. Carlos e Yago rozaban os meles do éxito. Pero de súpeto, todo o conseguido empezou a desmoroarse. E todo por un xesto habitual nestas datas. Querer volver a España a pasar o Nadal en familia.
Días antes de volver, atopáronse que "por incomprensibles e kafkianos problemas burocráticos", non podían viaxar a España. O seu visado levaba dous meses caducado. O club, que por unha serie de erros e trámites mal feitos, non cumprira cos términos acordados entre ambas partes, deixounos nunha situación moi delicada.
Carlos e Yago non poden saír do país, xa que as autoridades arábigas consideran que están alí ilegalmente, ao non ter formalizado o seu contrato de traballo. As irregularidades contractuais cometidas polo Al-Ittihad e a dificultade intrínseca do propio sistema tampouco fixeron posible que os galegos puidesen obter un permiso de residencia. Para iso necesitarían un título profesional que teñen en España, ou ben pasar un exame da súa especialidade de tres días e en inglés.
Desesperados e impotentes, ambos decidiron rescindir o seu contrato co Al-Ittihad e, hai cinco días, intentar conseguir un visado de urxencia para ser "expulsados" do país en 24 ou 48 horas. Un trámite que lles impediría volver entrar en Arabia nos próximos cinco anos. "Como se son 20", afirman. Pero tampouco esta vía foilles posible por agora.
E se isto fose pouco, a situación económica de Carlos e Yago non é moi boa. O seu contrato co equipo asiático establecía que ambos disporían dunha vivenda. Pero levan cinco meses vivindo nun hotel. De dito establecemento ameazan con botalos pola débeda que vai contraendo o equipo co hotel e da que os responsables do club parecen non facerse cargo. Por agora, teñen onde durmir, pero para comer teñen máis dificultades.
Aseguran que tan só o contacto telefónico e a través das redes sociais, coa súa familia e amigos, permite que non decaia o ánimo destes dous galegos. Pero faise duro, din. "Só lles escoitamos dicir bokra (mañá)". E día tras día, todas as súas esperanzas de volver a casa esvaécense. A súa crúa realidade é que, como eles mesmos recoñece, "estamos secuestrados en Arabia Saudita."