Pontevedra respira baloncesto co arranque do Nacional Infantil Feminino
Por Diego Torrado
Intensa semana de baloncesto a que arrancou este domingo en Pontevedra co inicio do Campionato de España Infantil Feminino.
Un total de 32 equipos repartidos en oito grupos pelexan polo cetro nacional da categoría, entre eles o local Club Baloncesto Arxil.
As pontevedresas comezaron a competición realizando un gran papel ante o La Salle Melilla, ao que venceron poe 73-50 no Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Laura García, con 28 puntos, foi a xogadora máis destacada das verdes, que ven crecer as súas opcións de chegar ás roldas eliminatorias.
No outro partido do seu grupo o Girona dobregou ao Buenavista (66-41), que será o rival do Arxil este luns ás 20:00 horas de novo no CGTD.
A primeira fase concluirá para as pontevedresas o martes ás 20:00 horas no mesmo escenario ante o Girona.
O torneo contou cunha intensa xornada de debut, con partidos simultáneos no propio CGTD, Pavillón Municipal e Pavillón Universitario.
Os resultados, clasificacións e horarios poden consultarse na páxina web oficial do campionato.
Paralelamente á competición feminina, Cambados acolle estes días á súa vez o Campionato de España Infantil Masculino, con susedes en Dena e Vilanova de Arousa e cuxos resultados se visualizan na web do Club Xuventude Baloncesto.