Fran Rico recibe a insignia de ouro do Portonovo S.D.
Por Ramiro Espiño
No transcurso dun sinxelo acto celebrado na sede social do Portonovo S.D., o presidente da entidade branquiazul, Valentín Martínez, fixo entrega na noite do venres a Fran Rico da insignia de ouro do club de Baltar, en atención á súa traxectoria persoal e profesional que lle levou a chegar á elite do fútbol español, supoñendo un espello para os mozos da localidade que ven nel a un exemplo a imitar.
Fran Rico estivo rodeado de familiares directos, amigos e veciños, ademais da directiva do Portonovo, club no que militou nas súas categorías inferiores por espazo de tres tempadas, antes de dar o salto ao Pontevedra, primeiro, logo ao Real Madrid Castilla, ata chegar ao Granada no que xoga actualmente, xa en primeira división. Pero foron os máis pequenos os que deron calor e cor, enchendo o salón de actos de Baltar de ilusión por poder ver de preto o seu ídolo. Todos querían o autógrafo de Fran e unha foto con el, e todos viron cumprido o seu desexo por parte do novo futbolista (aínda con 25 anos), que se encontra de vacacións no seu pobo natal, mentres se recupera dunha longa lesión no xeonllo.
O presidente do Portonovo, Valentín Martínez, sinalaba a PontevedraViva que quixeran realizar esta pequena homenaxe, pero que non sería o único, xa que no próximo verán pretenden facer un acto con máis relevancia pública, dado o carisma que Fran posúe no pobo, e o que o seu exemplo significa para os máis novos aspirantes a futbolistas do club arlequinado.
O Portonovo recibiu a pasada tempada 30.000 euros por dereitos de formación de Fran Rico
Ademais, o presidente quería deixar constancia da importancia que tivo para o Portonovo a progresión de Fran Rico: "Este ano pasado salvamos a tempada grazas a el. Recibimos por dereitos de formación, dos tres anos que estivo connosco, 30.000 euros e iso deunos a vida, porque de non ser así xa me dirás que iamos facer se só temos 189 socios".
Pola súa banda o futbolista mostrábase contento e orgulloso do recoñecemento dos seus: "Non mo esperaba, de verdade. Para min e para a miña familia é un orgullo moi grande. Ademais isto é moi bonito, porque cada vez que veño ao meu pobo e estou cos nenos, velos tan ilusionados me fai sentir un pracer especial".
Con respecto á súa situación actual, tras a longa lesión que arrastra, Fran comentou: "Despois de tanto tempo por fin teño boas sensacións. Os prazos para reaparecer póñoos eu, en función de como me encontre, pero ogallá poida estar listo para xogar en febreiro, que nos toca vir a xogar a Vigo e A Coruña. Cando empecei no fútbol o fixen por diversión, logo, ao irme do Pontevedra á Castela vin máis preto a posibilidade de chegar a primeira, e agora que o conseguín espero estar moitos anos na máxima categoría. Da lesión non quedará máis que o recordo, teño moi claro que volverei ser o mesmo de antes e espero que pronto non sexa máis que un recordo".
Tamén tivo palabras de recordo para o Pontevedra: "Claro que o sigo. Este ano non puiden velo, pero sempre miro a ver como quedou e como vai. ÿ unha pena a situación que atravesa, a verdade, pero confío en que coa axuda de todos consiga saír de aí".
Para rematar, preguntóuselle se nalgún momento recibira ofertas dalgún dos dous grandes do fútbol galego: "Pois, non a verdade. A min nunca me chegou nada nin do Deportivo nin do Celta, nin tampouco o meu representante me comentou nunca que tivese ofertas deles nin sequera de que se tivesen interesado polos meus servizos".