A ecografía decidirá se Fran Fandiño debe pasar polo quirófano
Por Ramiro Espiño
Fran Fandiño segue sendo unha das principais preocupacións de Milo Abelleira neste tramo transcendental da tempada. O centrocampista vén padecendo molestias de pube practicamente dende o inicio de campaña, o que lle impediu render con normalidade, obrigándoo a ser baixa en máis dunha xornada. As devanditas molestias mesmo se intensifican de forma notable cada vez que os adestramentos ou partidos se desenvolven en superficies duras, como os campos de herba sintética, sen que nin os descansos nin os tratamentos médicos aos que se lle somete consigan recuperar definitivamente o xogador da súa lesión.
A dúbida céntrase en cual sexa a mellor decisión a adoptar para os intereses do propio xogador e do Pontevedra. A pasada semana realizóuselle unha ecografía para valorar mellor a situación, proba de cuxo resultado dependerá a devandita decisión. O xogador é consciente de que a súa lesión requirirá intervención cirúrxica, pero a dúbida está en realizala de inmediato, ou ben intentar aguantar ata final de tempada e operarse entón para poder comezar a seguinte en plenitude de facultades.
Será o médico do club, o doutor Alberto Domínguez, quen tome esa decisión tras ver a ecografía realizada, despois duns días de descanso activo que tivo nas últimas datas. O galeno ten previsto examinar hoxe, sábado, ao xogador, e despois analizar tamén como se encontra o próximo mércores, día 2, cando se continúen os adestramentos. En caso de que haxa de ser intervido de inmediato, Fran Fandiño causaría baixa por espazo duns tres meses, ata finais de marzo, pero chegaría a tempo para disputar a recta final do campionato, ademais dun hipotético play-off.