Xuventú Sanxenxo apura as súas posibilidades de permanencia derrotando ao Bertamiráns (3-1)
Por Redacción
Segue necesitando pouco menos que un milagre, pero o Xuventú Sanxenxo está disposto a esgotar as súas posibilidades de permanencia e este domingo deu un paso importante ao gañar en Baltar de Arriba ao Bertamiráns, o que unido á derrota do Silva ante o Boiro, deixa aos de Calucho a só dous puntos dos coruñeses.
Certo é que o calendario non lle é favorable, xa que o Silva xogará nas dúas últimas xornadas contra dous equipos xa descendidos como Laracha e Bertamiráns, mentres o cadro amarelo terá que facelo no complicado campo do Barbadás, para rematar recibindo un Arosa que xa non se xoga nada, pero polo menos mantén opcións matemáticas de escapar do descenso.
Fronte ao último o Sanxenxo sufriu para conseguir os tres puntos e de feito tivo que esperar ata os últimos minutos para certificar a súa vitoria, e iso malia que pronto abriu o marcador, nunha boa acción de Ramón, aproveitando un pase de Pablo Lede.
Non obstante o Bertamiráns logrou empatar deseguida nun remate de Juancar. O gol fixo dano ao conxunto amarelo, que se viu superado nalgunhas fases polo seu rival.
Na segunda parte os locais dominaron, pero a impaciencia deixábase sentir no campo e nas bancadas ao ver que non chegaba o gol, ata que a falta de catro minutos Alberto agarra a Guille nun saque de esquina, sinalando penalti o árbitro, que transforma Pablo Lede. Ramón sentenciaría no último minuto en rápido contraataque, levando a tranquilidade á afección local.
XUVENTÚ SANXENXO (3): Vila; Diego Peña (Juan Caneda, min. 79), Guille, Emilio, Mateo; Pablo Lede, Jonathan; Hugo, Nel (Dani Muradás, min. 71), Rubén; e Ramón (Tinaia, min. 91).
BERTAMIRÁNS CF (1): José; Saúl (Saro, min. 57), Santaló, Joni, Ander; Jaime, Adrián; Richi, Diego, Brais (Alberto, min. 77); e Juancar (Puyi, min. 46).
Árbitro: Francisco Xabier Rodríguez Campos (A Coruña), auxiliado nas bandas por Marcos Ordóñez Rodríguez e Rubén Vázquez Penas. Amoestou a Ramón, Diego Peña e Guille polos locais e a Saúl, Richi e Alberto polos visitantes.
Goles: (1-0) Minuto 9: Ramón. (1-1) Minuto 19: Juancar. (2-1) Minuto 86: Pablo Lede, de penalti. (3-1) Minuto 88: Ramón.
Incidencias: Campo Municipal de Baltar de Arriba. Uns 200 espectadores.