O Portonovo remonta con nove en Aldán (3-4) e acaricia o ascenso a terceira división
Por Redacción
Sobre a bucina. Hugo Soto chegou ao rescate do Portonovo con dous goles, o último no desconto, para remontar un partido que se lle complicara ao máximo en Aldán, xogando en dobre inferioridade durante máis de 35 minutos ante as expulsións de Iván Renda e Diego.
Victoria que pode valer un ascenso, á vez que condena matematicamente ao descenso ao equipo local, que dispuxo dunha vantaxe de dous goles nos primeiros minutos, fronte a un Portonovo desconcertado. Buba marcaba por partida dobre. O gol de Iván Renda antes do descanso, rematando un saque de esquina, meteu no partido os visitantes.
Ao regreso de vestiarios a dobre expulsión parecía deixar nunha misión imposible a remontada, pero curiosamente exerceu o efecto contrario. Hugo Soto empataba cando o Portonovo xa xogaba con nove homes. Aarón volvía adiantar aos locais, pero Víctor igualaba de novo a falta de doce minutos e no desconto, os arlequinados encontraron o premio á súa fe co gol definitivo de Hugo Soto, ao aproveitar un centro de Suso Bea, ante o xúbilo dos afeccionados que acompañaban ao equipo e que sabían que é un gol que pode valer o ascenso.
Con este resultado, o Portonovo empolícase provisionalmente ao primeiro posto, á espera do que suceda no partido entre Barco e Mondariz, e cunha vantaxe de nove puntos sobre o Verín, terceiro clasificado cun partido menos.
RÁPIDO BAHÍA CF (3): Pablo; Palmero, Lino, Colme, Víctor (Iván, min. 82), Berto, Serxio, Óscar (Disom, min. 63), Aarón, Congui e Buba (Vila, min. 70).
PORTONOVO SD (4): Iván Parada; Chiqui (Marcos Blanco, min. 77), Iván Renda, Suso Bea, Gándara, Álex Cubas (Agra, min. 58), Brian, Diego, Nacho (César, min. 77), Pingüi (Víctor, min. 46) e Hugo Soto.
Arbitro: Álvaro Valín González (Lugo), auxialiado nas bandas por Iván Abel Bruzos e Eduardo Feijoó Trigo. Expulsou con vermello directo aos xogadores do Portonovo Iván Renda (minuto 50) e Diego (minuto 57), e por dobre amoestación ao adestrador Luis Oliveira (minuto 91). Amoestou a Lino, Óscar, Disom e Víctor, polos locais, e a Víctor, Suso Bea e Nacho, polos visitantes.
Goles: (1-0) Minuto 9: Buba. (2-0) Minuto 19: Buba. (2-1) Minuto 31: Iván Renda. (2-2) Minuto 62: Hugo Soto. (3-2) Minuto 68: Aarón. (3-3) Minuto 78: Víctor. (3-4) Minuto 94: Hugo Soto.
Incidencias: Campo de San Amaro (Aldán). Uns 150 espectadores cunha boa representación de afeccionados visitantes.