Gabi Leis presenta a súa dimisión como adestrador do Ribadumia
Por Redacción
Sorpresiva dimisión de Gabi Leis como adestrador do Club Deportivo Ribadumia.
O técnico anunciou a súa marcha ao finalizar o encontro de Copa Deputación que o Ribadumia gañou este martes por 2-1 ante o Alondras para meterse en semifinais da competición.
Leis basea a súa decisión en discrepancias coa xunta directiva tras as últimas xornadas de liga, nas que o equipo aurinegro se despediu das súas opcións á cuarta praza que dá dereito a xogar o play-off de ascenso.
A dimisión prodúcese a tres xornadas para o final da liga regular tras conseguir sen angustias certificar a permanencia en Terceira División, obxectivo do club a principio de tempada.
Xunto a Gabi Leis abandona a entidade o segundo adestrador, Fernando Sánchez.