Terceiro posto para Javi Gómez Noya nas Series Mundiais de Gold Coast tras unha complicada carreira
Por Diego Espiño
Difícil carreira a vivida por Javier Gómez Noya na terceira cita das Series Mundiais de Triatlón disputada na localidade australiana de Gold Coast.
O deportista galego salvou un terceiro posto final tras unha carreira que se lle complicou xa no sector de natación.
Un problema cos lentes, ao entrarlle algo de auga, unido ao forte ritmo imposto polo eslovaco Richard Varga, fixo que Gómez Noya perdese o ronsel do grupo cabeceiro, saíndo sexto a 13 segundos na primeira transición.
Por diante Jonathan Brownlee viu a oportunidade e impuxo un alto ritmo nos primeiros quilómetros da bicicleta xunto ao propio Varga e os irmáns Polyanskiy abrindo máis oco sobre o campión español.
Gómez Noya decidiu entón esperar polo gran pelotón, no que viñan entre outros Mario Mola e Fernando Alarza. A diferenza con Brownlee era case dun minuto, pero entón comezou a minguar para chegar á segunda transición con só 23.
A remontada parecía posible nos últimos 10.000 metros a pé, pero o británico mostrou a súa fortaleza para conseguir o seu segundo triunfo da tempada cun tempo de 1:46:53.
Por detrás chegou Mario Mola (1:47:11) con dez segundos de vantaxe sobre Javier Gómez Noya, terceiro (1:47:21), mentres Fernando Alarza, triatleta talaverano afincado en Pontevedra foi sétimo.
A clasificación xeral segue dominada por Brownlee (2.186) con Gómez Noya segundo (1.967) e Mario Mola no terceiro lugar (1.809).
Relacionadas:
-
Gómez Noya triunfa en Yokohama tras impoñerse a Alistair Brownlee nun emocionante sprint
Por Diego Espiño |
-
Liderado das Series Mundiais para Gómez Noya tras ser segundo Sudáfrica con gran debut de Pablo Dapena
Por Diego Espiño |
-
Cidade do Cabo, debut de Pablo Dapena nas Series Mundiais de Tríatlon
Por Diego Espiño |
-
Gómez Noya faise centenario en Australia
Por Redacción |
-
Gómez Noya remata segundo nas Series Mundiais de Auckland tras Jonathan Brownlee
Por Diego Espiño |
-
Sexto posto para Javi Gómez Noya no seu debut nas Series Mundiais de tríatlon
Por Alejandro Espiño |