Toma aire o Pontevedra B tras vencer (2-0) con autoridade ao Verín
Por Ramiro Espiño
Cunha defensa improvisada unha xornada máis, ante as baixas por sanción de Yago Vázquez e Cristóbal Domínguez, o Pontevedra B logrou unha importante vitoria (2-0) sobre un Verín ao que non deixou manobrar nunca a gusto, ata o punto de que o gardameta local, Edu Sousa, apenas tivo que intervir máis que en balóns colgados ou para sacar de meta.
Manu Fernández, técnico pontevedrés, resolveu a papeleta da ausencia dos seus centrais titulares botando man do xuvenil Marou, atrasando tamén a Emilio, e a aposta saíulle ben, pois os dous cumpriron con nota, anulando a Camba e pechando con solvencia os intentos de contragolpe dos visitantes.
O Verín chegaba avalado pola goleada que lle endosou o Ribadumia a pasada xornada, pero no sintético da Xunqueira só houbo un equipo, e ese foi o filial. Cun fútbol máis práctico que vistoso, pero cheo de ritmo e intensidade en cada acción, os granates non permitiron apenas que o conxunto ourensán inquietase o máis mínimo. Abonde dicir que a única ocasión de que dispuxo o Verín chegaría á saída dun corner, rematado alto, pero o que se di entre os tres paus non temos rexistrado nin un só disparo con perigo.
Os granates adiantaríanse froito dunha boa acción, excelentemente culminada por David Souto, pasada a media hora de xogo e logo exercerían un control absoluto do partido, con chegadas illadas pero cheas de perigo nas que unicamente faltou o remate final.
A segunda parte foi un quero e non podo por parte do Verín, mentres que o Pontevedra B tivo a súa mellor ocasión tras unha gran xogada de Diego, que o fixo todo ben, pero lle sobrou un caneo, perdendo a oportunidade cando se cantaba o gol.
Para pechar o partido o Verín quedaría en inferioridade cando Pablo gáñase unha innecesaria segunda tarxeta, o que aproveitarían os granates para pechar o partido cun segundo gol, obtido por Marwan tras unha vistosa xogada.
PONTEVEDRA B (2): Edu Sousa; Chicho, Marou, Emilio, Alves; Paco, Héctor; Víctor (Eirín, min. 62), Pedro (Marwan, min. 80), David Souto (Uru, min. 85); e Javi Pazos (Diego, min. 68).
VERÍN, C.F. (0): Jorge; Kuki, Sergio (Eloy, min. 46), Iván, Mario; Beto (Riveiro, min. 67), David Ginzo; Álex (Pablo, min. 58), Víctor, Unai; e Camba (Rubén, min. 77).
Árbitro: Mella Fernández, auxiliado nas bandas por Acuña Piñeiro e Gil Soriano (A Coruña). Expulsou por dobre amoestación a Pablo (min. 79). Amoestou a Edu Sousa, Marou, Marwan, Iván, Sergio e Álex.
Goles: (1-0) Minuto 33: David Souto. (2-0) Minuto 88: Marwan.
Incidencias: Sintético da Xunqueira. Preto de 200 espectadores.