O Club Waterpolo Galaico Pontevedra viaxa a Leioa para disputar a "Gabon Kopa"
Por Redacción
O venres o equipo absoluto masculino do Club Waterpolo Galaico Pontevedra viaxa a Leioa (Biscaia) para participar no prestixioso torneo Gabon Kopa que celebra a súa 24ª edición.
O Club Askartza Leioa, organizador do torneo, invitou o club pontevedrés grazas á boa relación de ambos os dous conxuntos dende que o club galego organiza o trofeo de waterpolo-praia Sanxenxo. O Askartza estivo hai un ano facendo un "stage" co CW Galaico Pontevedra en Rías do Sur, e esta vez os do Lérez devolven a visita.
A Gabon Kopa será un bo torneo para o CW Galaico Pontevedra antes de iniciar a liga, xa que se medirá ao Club Escola Waterpolo Zaragoza, de 2º Nacional e ao Askartza Leioa, de 1º Nacional. Os pontevedreses serán o equipo máis "pequeno", de Liga Autonómica, polo que poderán gañar moita experiencia de cara ao futuro nesta viaxe, sendo este o principal obxectivo. Os partidos disputaranse na piscina do Polideportivo Askartza e o torneo disputarase en formato triangular. Ademais tamén haberá torneo feminino coa participación dos equipos Leioa Askartza, Sant Bruno (Francia) e Sant Feliu (Cataluña).
Aproveitando a viaxe, o CW Galaico Pontevedra xogará tamén un encontro amigable contra o Leioa Waterpolo, equipo que disputa a Liga Euskal Herria e que participou o ano pasado no Campionato de España de 3ª División, igual que o CW Galaico. Este partido celebrarase na piscina de Sakoneta o sábado pola mañá (12,20 horas).
O CW Galaico Pontevedra estará representado por 14 xogadores e o seu adestrador Javi de Sáa: Pablo Seoane, Roberto Acuña, Pablo Rodríguez, Rubén Martínez, Enrique García, Juanjo Vázquez, Anxo Villafranca, Andrés Villaverde, Iago Carabelos, Guillermo Atienza, Bran Touriño, Juan Rodríguez, Manuel Vidal e Miguel Pérez. Os pontevedreses tratarán de facer un bo torneo e dar unha boa imaxe en terras vascas.