Bo papel do Kick Boxing Poio no Nacional de 'Semi-Contact'
Por Redacción
Seis deportistas do Kick Boxing Poio tomaron parte no recente Campionato de España de Kick Boxing na modalidade de 'Semi-Contact', celebrado na localidade madrileña de Alcorcón.
Malia ser o primeiro ano de competición do club, os resultados foron sobresaíntes, cunha medalla de ouro, tres de prata e unha de bronce.
O ouro foi para Diego Soto, que en 2012 lograra un bronce con tan só 10 anos de idade e que agora conseguiu a coroa da súa categoría tras vencer na final o representante estremeño por un apertado tenteo de 7-5.
A benxamína da expedición, Naira Penas, tamén realizou un gran torneo, cedendo só na final, ao igual que Daniel Otero e Lucía Soto nas súas respectivas categorías, mentres a medalla de bronce a logrou Álex González. Tamén participou David Casais, pero con menos fortuna que os seus compañeiros.
A próxima cita para o club de Poio será os días 28 e 29 de marzo con outro Campionato de España, esta vez na modalidade de 'Light-Contact'. Alí estarán presentes seis deportistas do club: Cintia González, Sara Casais, Daniel Otero, Diego Soto, Álex González e Lucía Soto.