Pontevedra aspirará ao Mundial de Dúatlon de 2016 e a un 'multimundial' de catro disciplinas para 2017 ou 2018
Por Alejandro Espiño
Ningunha cidade apostou tan forte polo tríatlon nos últimos dez anos, un esforzo que converteu a Pontevedra nun "referente mundial" neste deporte. Esta reflexión, compartida tanto pola Federación Española coma pola Federación Internacional, resume os éxitos organizativos que a cidade do Lérez acumulou nos últimos dez anos. E esta relación terá continuidade con novas probas de carácter internacional.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, mantivo este xoves unha reunión de traballo coa presidenta da Federación Internacional de Tríatlon, Marisol Casado, e co seu homólogo na Federación Española, José Hidalgo. A eles trasladoulles o interese de Pontevedra por albergar de novo o Mundial de Dúatlon en 2016, unha proba que deixou grandes sensacións na cidade e nos deportistas participantes.
"Es una grata sorpresa que Pontevedra siga queriendo formar parte de la gran familia del triatlón", afirmou Marisol Casado, que quixo agradecer expresamente o traballo organizativo do último Mundial de Dúatlon, onde se bateu amplamente o récord de participación. Foi hai apenas un ano, pero iso non lastra as opcións de volver acoller esta proba. "No lo veo difícil", dixo a presidenta federativa. "Todos han quedado muy contentos con Pontevedra".
Pero o Concello de Pontevedra puxo os seus ollos nun desafío aínda maior. A Federación Internacional decidiu xuntar os mundiais de catro das súas disciplinas nun mesmo evento. A partir de 2017, os campionatos do mundo de dúatlon, acuatlon, tríatlon cross e tríatlon de longa distancia celebraranse nunha mesma cidade e durante un espazo aproximado de dez días. E Pontevedra quere optar a organizar este 'multimundial'.
Unha proba destas características reuniría na cidade máis de 3.000 deportistas e os seus respectivos adestradores e acompañantes, un retorno económico que Pontevedra non quere desaproveitar. Ao seu favor, recoñecen dende a Federación, xoga a experiencia na organización deste tipo de eventos e a súa aposta polo tríatlon ao longo de todos estes anos, que encaixa con esta nova visión que se lle quere dar a este deporte.
En principio, o escenario ideal para Pontevedra será repetir o Mundial de Dúatlon en 2016 -a sede decidirase o próximo mes de maio- e organizar este 'multimundial' en 2018. Pero se o primeiro remata recaendo noutra cidade, entón solicitarán a organización desta nova aposta deportiva xa en 2017, o primeiro ano no que se celebrará, segundo os plans da Federación Internacional de Tríatlon.
Miguel Anxo Fernández Lores recoñeceu que esta formulación requirirá un esforzo económico "importante", pero mostrouse convencido de que "será rendible" para os cidadáns e para os intereses económicos e turísticos da cidade. Sexa como sexa, reiterou que Pontevedra está interesada en seguir sendo "sede mundial de tríatlon" e destacou que a Federación "se fía de nós" para organizar eventos destas características.
Relacionadas:
-
Pontevedra queda sen Mundial de Dúatlon en 2016 e sen Festival Multideportes, polo menos ata 2019
Por Alejandro Espiño |
-
Javi Gómez Noya inicia a súa tempada en Dubái co reto de ser o 'home do millón de dólares'
Por Alejandro Espiño |
-
O Nacional de Ximnasia Rítmica, principal novidade do calendario deportivo presentado polo Concello para 2015
Por Diego Espiño |
-
O triatlón popular Cidade de Pontevedra integrarase nun circuíto nacional de cinco carreiras
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra será sede en 2015 do Campionato de España de Tríatlon Sprint e de Acuatlón
Por Diego Espiño |
-
Jaime Agulló: "Varios países dixéronnos que nunca estiveran nun Mundial do nivel que tivo o de Pontevedra"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra vibra cun Mundial de Dúatlon no que brillaron con luz propia os atletas españois
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |