O sintético de A Xunqueira "solidarízase" con Pasarón e os xuvenís aprazan o seu partido co Laredo
Por Ramiro Espiño
Pontevedra e Laredo aprazaron o partido correspondente á División de Honra xuvenil que debía enfrontalos o domingo (12.00 horas) no sintético da Xunqueira, debido á intensa chuvia caída durante toda a mañá, pero que aumentou especialmente media hora antes da fixada para o comezo do choque e que anegou o campo deixándoo nun estado impracticable.
O árbitro designado para dirixir a contenda, o colexiado da delegación de Pontevedra, ÿscar López, tras inspeccionar o campo e falar cos dous delegados, decidiu esperar media hora para ver a evolución dos acontecementos. Unha vez pasado ese prazo, e a pesar de que o nivel da auga baixara considerablemente, tras unha nova conversación con ambos os dous delegados, decretou a suspensión do partido, entendendo que o campo seguía sen reunir as condicións mínimas e que había risco para a integridade dos futbolistas, ademais de non poder asegurar que o partido puidese chegar ata o seu termo sen interrupcións.
Os representantes do conxunto cántabro, principais prexudicados pola suspensión, ao ter que efectuar un novo desprazamento noutra data, co custo que leva consigo para o seu equipo, declararon a PontevedraViva estar conformes coa decisión arbitral, mentres algúns afeccionados, na súa maioría familiares dos xogadores, eran partidarios de xogar.
Dáse a circunstancia curiosa que, nada máis decretarse a suspensión do partido no campo principal, en apenas uns minutos o campo anexo de fútbol-7, acolleu con normalidade un partido de categoría pre-benxamín (ver foto), entre o Salgueiriños e o Figueirido, se ben hai que apuntar que este campo en ningún momento chegou a estar cuberto de auga, quizais por tratarse dunha instalación de máis recente construción.