O Poio FS prolonga o seu mal inicio de ano e cae de forma imprevista (2-1) ante Viaxes Amarelle
Por Redacción
O Poio FS estrelouse contra os paus e a súa falta de acerto ante a meta rival, regresando derrotado de forma inesperada da Coruña, onde Viajes Amarelle logrou tres importantes puntos na recta final do partido, tras remontar a vantaxe inicial das rapazas de Morenín, que seguen sen coñecer a vitoria no que levamos de ano.
A primeira parte foi de dominio do Poio, ante un Amarelle que intentaba sorprender á contra. Sen grandes ocasións para ningún dos dous equipos, unha das poucas que houbo aproveitábana as visitantes aos catro minutos, nunha xogada persoal de Jenny tras recibir de costas e culminar cun disparo axustado ao pau.
O Poio puido ampliar a súa renda ante un Amarelle que apenas atacaba, pero non o conseguiu e na segunda as coruñesas deron un paso adiante ata empatar o partido cando Tati aproveita un saque de falta rápido, a centro de Dolo. Mesmo puideron adiantarse nun par de contras abortadas por Silvia.
Pola súa banda as visitantes mandarían varios remates aos paus e cando parecía que o marcador non se movería, Espi a falta de pouco máis dun minuto, aproveita no segundo pau un pase de Cris. Con todo perdido, o Poio optou polo xogo de cinco pero sen tempo para empatar.
VIAXES AMARELLE (2): Carmen; Dolo, Espi, Cris, Patri -cinco inicial-, Lidia, Yaiza, Tati e Noe.
POIO FS (1): Silvia; Nerea, Charo, Claudia, Jenny -cinco inicial-, Souza, Yoly, Paloma e Elena.
Árbitros: Héctor Vilas López e Enrique Novoa García (Galicia). Amoestaron a Noe no Amarelle e a Nerea e Charo no Poio.
Goles: (0-1) Minuto 4: Jenny. (1-1) Minuto 32: Tati. (2-1) Minuto 39: Espi.
Incidencias: Pavillón Municipal Sagrada Familia (A Coruña). Uns 150 espectadores.
Relacionadas:
-
O Poio FS complícase e remata sufrindo para impoñerse (3-2) ao colista Bilbo FSF
Por Redacción |
-
Duelo de necesitados na Seca entre Poio FS e Bilbo FS
Por Redacción |
-
O Poio FS paga cunha dura derrota en Móstoles (4-0) a súa falta de acerto en ataque
Por Redacción |
-
O Poio FS roza a sorpresa pero remata cedendo (4-5) ante o Cidade das Burgas
Por Redacción |