Duelo de necesitados na Seca entre Poio FS e Bilbo FS
Por Redacción
Partido entre dous equipos necesitados dun resultado positivo. O Poio FS recibe na Seca (sábado, 18:30 horas) a visita do Bilbo FSF, que vén como último da categoría, acuciado pola necesidade de puntuar para alimentar as súas esperanzas de permanencia, cando aínda queda case toda a segunda volta por disputarse.
Os dous equipos chegan á cita despois de encadear unha longa xeira de resultados negativos, máis pronunciado nas bilbaínas, que unicamente conseguiron unha vitoria (a domicilio fronte ao Viaxes Amarelle, o 8 de novembro), con catro empates (nas primeiras catro xornadas de Liga, un deles precisamente no partido da primeira volta co Poio, que finalizou con 2-2), despois de perder once partidos, con sete desas derrotas nas últimas sete xornadas ante o Universidad Alicante (1-7), Rioja (0-4), Roldán (3-1), Alcorcón (1-4), Gironella (2-0), Ourense (4-5) e Majadahonda (3-5).
Claro que tampouco o Poio chega ao partido no seu mellor momento. As rapazas que adestra Morenín só conseguiron un dos últimos 15 puntos en xogo, saíndo derrotadas nas catro últimas xornadas. Iso si, as locais seguen situadas na zona media da táboa, e buscarán sumar os tres puntos para endereitar o rumbo e practicamente asegurar a permanencia.
Trátase polo tanto dunha boa ocasión para conseguir a que sería primeira vitoria de 2015 e dar unha alegría á afección "rojilla", tras o negativo arranque de ano.