Sofre o Burela FS para dobregar (5-3) o Poio FS nun emocionante partido
Por Redacción
Fixo sufrir o Poio ao Burela que logrou a vitoria nun partido equillibrado cun primeiro tempo no que se impuxeron as defensas e un segundo trepidante, especialmente nos últimos dez minutos, nos que se sucederon os goles e as emocións, sen que o equipo lucense lograse a tranquilidade ata o último suspiro.
As locais empezaron dominando ante un Poio que esperaba repregado a súa oportunidade aplicándose en defensa para saír á contra. O xogo das rapazas de Morenín asentábase na boa actuación de Silvia baixo paus, con boas intervencións que evitaron o tanto local.
Malia iso, pouco antes do descanso o Burela conseguía o seu obxectivo, adiantándose no marcador por medio de Gaby, que aproveita un pase de Peque para revolverse na zona de pivote.
O Poio tivo a ocasión do empate nas botas de Souza, que se quedou soa ante a meta local pero non puido superar no man a man a Jozi.
Coa segunda parte chegaban as alternativas constantes. Claudia conseguía pronto o segundo, tras roubo de balón de Peque, pero apenas uns segundos despois, unha man dentro da área de Gaby, aprovéitaa Souza para recortar distancias transformando o penalti e metendo de novo o Poio no partido.
A presión das visitantes facía efecto, impedindo a boa combinación ofensiva das lucenses, ata que superado o ecuador do segundo tempo Taina, a pase de Shiori ao segundo pau, facía o terceiro gol local, que obrigaba ao Poio a optar polo xogo de cinco, con Charo como porteira xogadora, recortando distancias segundos despois por mediación de Claudia en ataque en posicional.
Un minuto despois tras roubo en medio campo, Peque facía a porta baleira o cuarto gol local, pero de inmediato respondía o Poio cun gol en propia porta de Shiori, devolvendo a emoción ao partido, ata que a dous minutos do final, Peque nun novo en roubo de balón marcaba o gol da tranquilidade e decidía o partido para as locais.
BURELA FS (5): Jozi; Claudia, Peque, Shiori, Taina -cinco inicial-, Lara, Kiko e Gaby.
POIO FS (3): Silvia; Souza, Claudia, Elena, Yoly -cinco inicial-, Jenny, Charo, Paloma, Nerea e Tania.
Árbitros: Varela Señarís e Villarino Barja (Santiago). Amoestaron a Gaby no Burela e a Paloma, Jenny e Nerea no Poio.
Goles: (1-0) Minuto 18: Gaby. (2-0) Minuto 22: Claudia. (2-1) Minuto 22: Souza, de penalti. (3-1) Minuto 33: Taina. (3-2) Minuto 34: Claudia. (4-2) Minuto 35: Peque. (4-3) Minuto 35: Shiori (propia porta). (5-3) Minuto 38: Peque.
Incidencias: Pavillón Municipal de Vista Alegre (Burela). Uns 400 espectadores, cun elevado grupo de seguidores do conxunto visitante.
Relacionadas:
-
O Poio FS roza a sorpresa pero remata cedendo (4-5) ante o Cidade das Burgas
Por Redacción |
-
Díficil compromiso para o Poio FS coa visita do Cidade dás Burgas
Por Redacción |
-
Volve a liga para o Poio FS cunha complicada saída a Burela
Por Redacción |
-
O Poio FS volve editar a súa revista oficial sete anos despois
Por Redacción |
-
O Poio FS rescata un punto (2-2) no último suspiro fronte ao líder Atlético Féminas Navalcarnero
Por Redacción |