Un torneo de iniciación e unha homenaxe a José Manuel Gándara despiden o ano para o Mareantes
Por Redacción
O Mareantes Rugby Club Pontevedra despediu o ano con dúas actividades deportivas á vez que solidarias.
Por un lado ao redor de 160 deportistas tomaron parte no Torneo de Iniciación 2014, celebrado no campo de Monte Porreiro. Trátase dunha iniativa enmarcada dentro dunha campaña de difusión do deporte do balón oval dirixida a menores que cursan segundo e terceiro curso da ESO
Neste caso alumnos do intituto Luis Seoane e do Torrente Ballester, distribuídos en 12 equipos, disputaron un torneo de 'Tag Rugby', modalidade sen contacto deseñada para iniciarse neste deporte.
As actividades do Mareantes completáronse cun partido de veteranos ante o equipo vigués de Melgachos que serviu de homenaxe ao recentemente falecido José Manuel Gándara, personaxe moi vinculado ao rugby galego e ao club pontevedrés.
Estas citas serviron ademais como escusa para unha recollida solidaria de alimentos, na que se recadaron máis de 400 quilos de comida que foi entregada ao Banco de Alimentos de Pontevedra.