Blas Charlín presenta a súa dimisión como adestrador do filial do Pontevedra CF
Por Redacción
Non está a ser unha boa semana para os adestradores dos equipos pontevedreses da Rexional Preferente. Nas últimas horas coñecíase a saída de ÿscar García do banco do Villalonga e agora tocoulle á quenda ao Pontevedra B. Blas Charlín presentou este mércores aos responsables do club a súa dimisión como técnico do filial.
Segundo aseguran dende o Pontevedra CF, as razóns desta dimisión son estritamente deportivas. "O propio Blas Charlín foi quen trasladou aos dirixentes do club a súa opinión sobre a necesidade dun cambio á fronte do grupo de xogadores", reza o comunicado enviado aos medios de comunicación.
O técnico, que non se sentou no banco este pasado domingo ao ter que cumprir un partido de sanción por expulsión, deixa o Pontevedra B nunha situación deportiva bastante delicada. Tras catorce xornadas, o filial granate tan só logrou unha vitoria -lograda na xornada 4 contra o Pontellas- e é último con cinco puntos. Está a oito dos postos de salvación.
Temporalmente será Milo Abelleira quen se faga cargo do Pontevedra B. Este mesmo mércores xa dirixiu o adestramento do equipo. Sentarase no banco, polo menos, no partido do próximo domingo contra o Verín.
O Pontevedra CF, conclúe o comunicado, agradece a Blas Charlín o seu compromiso co club "e aproveita esta oportunidade para desexarlle sorte no seu futuro profesional".