Os resultados levan á destitución de ÿscar García como adestrador do Villalonga
Por Redacción
Cun equipo confeccionado para o ascenso a Terceira División, o Villalonga estaba lonxe do seu obxectivo. Situado en metade da táboa, a dez puntos de distancia do líder, dende hai un par de xornadas a posibilidade da destitución pesaba sobre a cabeza do seu adestrador, ÿscar García. Finalmente, o empate obtido en San Pedro o pasado domingo, fronte ao Mondariz, rematou por levar á xunta directiva que preside José Miniño a poñer fin á relación que unía o técnico co club celeste, e na tarde deste martes quedaba rescindido o contrato.
Segundo apuntan fontes da directiva a PontevedraViva, "non podiamos esperar máis. Cremos que temos equipo para bastante máis, pero as cousas non estaban a saír e había que intentar buscar unha solución".
O técnico, que deu todas as facilidades para chegar a un acordo e vive esta amarga experiencia por primeira vez na súa aínda curta carreira, despediuse dos seus xogadores no campo do Revel, desexándolles sorte para remontar posicións e alcanzar o obxectivo do ascenso.
ANTONIO EXERCERÁ PROVISIONALMENTE COMO ADESTRADOR-XOGADOR
Aínda sen substituto decidido, a directiva do Villalonga púxose á tarefa de buscar recambio. Mentres este non chega (soa con forza o ex do Céltiga Manolo Núñez), farase cargo de modo provisional da preparación o centrocampista Antonio Fernández Ribadulla, que dispón do título de adestrador de categoría nacional e compaxinará as tarefas de adestrador e xogador.
Antonio será con case total seguridade quen leve as rendas no complicado partido que deben afrontar os celestes o próximo domingo no Barco, como tamén indicaron fontes da directiva: "Imos buscar con calma para non nos equivocar. O máis probable é que o domingo Antonio faga a función de adestrador e supoño que tamén xogará, non creo que non se poña", sinalaron con bo humor.